Aplicou descontos ás traballadoras e traballadores que estaban de servizos mínimos

O Xulgado nº1 do Contencioso Administrativo de Santiago de Compostela vén de estimar o recurso contencioso administrativo contra a resolución da Secretaría Xeral Técnica da consellería de Medio Rural, de 27 de agosto de 2020, na que inventa uns criterios de descontos salariais que aplicou nas nóminas de agosto e setembro de 2020 ao persoal técnico de incendios (enxeñeiros/as de montes e técnicos/as forestais). Especificamente declara a “NON conformidade a dereito” da resolución e o dereito das persoas afectadas a percibir o 100% das súas retribucións mensuais no tempo que prestaron servizos mínimos. A maiores, a sentenza imponlle costas á Xunta de Galicia.

Esta folga na loita polas melloras laborais do persoal técnico de incendios forestais desenvolveuse entre agosto e setembro de 2020. A consellería de Medio Rural tentou por varios medios reprimir a folga atentando contra este dereito fundamental: contratou a persoal de empresas externas (SEAGA) para a realización de tarefas habituais non decretadas nos servizos mínimos, presionou individualmente ao persoal facendo que declarara se apoiaba a folga convocada e finalmente exerceu descontos salariais sobre o persoal que estaba a cumprir os servizos mínimos. Ademais que o procedemento de desconto tivo unha “celeridade inaudita” para executar a represión da folga tocando o salario ao persoal antes de rematar o mes de agosto de 2020 (coa folga indefinida aínda en marcha).

Salario en función de incendios

Temos vivido múltiples represións patronais máis é a primeira vez que aplican descontos salariais ao persoal que traballou en servizos mínimos, e para xustificar tal barbaridade, vincularon a rebaixa salarial ao número de incendios que tiveron en cada centro de coordinación (a menor número de lumes, maior desconto) aínda que o 100% deles foron atendidos con normalidade.

A xustiza nin entra a valorar a xustificación da Xunta e deixa claro que con independencia de que non se desempeñaran todas as funcións que lle corresponde ao persoal técnico, esa dispoñibilidade outórgalles o dereito a percibir o salario sen dedución proporcional ás funcións desenvolvidas ou á taxa de incendios.

Queda tamén claro que na aplicación dos descontos salariais vulnerouse o establecido nos artigos 30.2 e 14d) do EBEP, sendo non conforme a dereito e tendo por único obxectivo real a desmobilización do seguimento da folga legalmente convocada nese momento.

A CIG-Autonómica manifesta, por iso, a súa satisfacción con esta sentenza xa que pecha a posibilidade de que a Xunta de Galiza volva a reprimir ao seu persoal coa aplicación  de descontos salariais cando se esta a traballar en servizos mínimos garantindo o dereito de folga como medida de loita para a mellora das condicións laborais.

Con todo, a CIG urxe á consellaría de Medio Rural a que proceda, de inmediato, á devolución do salario roubado. Xunto a isto, entende que deberían ser cesadas ou dimitir as persoas responsábeis da consellaría que aplicaron os descontos ou as que unha vez aplicados non quixeron rectificar a situación, nomeadamente María Jesús Lorenzana, secretaria xeral técnica nese momento da consellería de Medio Rural e, que pouco despois do conflito, foi ascendida a conselleira de Emprego e Igualdade, e ao actual secretario xeral técnico de Medio Rural, Nicolás Vazquez, ademais da dimisión do conselleiro de Medio Rural: Jose González Vázquez.