A Xunta aprobou na Comisión de Persoal do martes 17/01/23 uns criterios que modifican as bases das convocatorias dos procesos de estabilización derivados da Lei 20/21. O director xeral da Función Pública (DXFP) pretendeu que os sindicatos votáramos a favor dunha proposta de “Acordo” que non tiñamos polo que non puidemos analizala minimamente. A CIG (e a CSIF) negámonos a votar a cegas. CCOO e UGT si o fixeron: a favor.

Nesta última semana a CIG traballou arreo e seguiu a aportar máis de trinta cuestións que necesitaban arranxo ou aclaración para o correcto desenvolvemento dos procesos selectivos de estabilización. Algunhas melloras que propuxemos foron adiante, outras non, pero finalmente a Xunta decidiu argallalas con formato de “Acordo” coa minoría sindical (CCOO e UGT) deixando á marxe a maioría da representación do persoal empregado público.

Con ese formato o que se pretenden e inventar unha comisión de seguimento na que amañarán as “cousas que vaian xurdindo sobre a marcha”. Esta comisión será, segundo palabras do propio director xeral, a encargada de resolver cuestións como os “criterios de valoración nas titulacións no momento en que poidan xurdir dúbidas”. Moi mal se están a facer as cousas para ter que prever unha comisión de seguimento para poñer parches nunhas convocatorias de procesos selectivos.

A convocatoria dun proceso selectivo debe ser tan sumamente clara que as persoas candidatas non teñan ningún tipo de dúbida e ter claro dende o minuto cero con que cartas xogamos. Como poden deixar a titulación que se necesita para presentarse a un proceso selectivo ao que interprete unha comisión de seguimento? Aumenta así a inseguridade xurídica ao persoal afectado por esta estabilización trapalleira que vai traer imprevisibles consecuencias.

Chegados a este punto, imos tratar de dar resposta as cuestións que nos foron chegando e que levamos, de novo, ás mesas (16 e 17 de xaneiro):

O que “aclaran”

Non aceptan que o tempo de servizos prestados do persoal transferido puntúe da mesma forma que na Xunta, polo que para este persoal ao que se lle forzou a un cambio de administración, os servizos prestados mentres estivo na administración de orixe vai puntuar como noutra administración.

Non aceptan a retirada das prazas das brigadas de 6 meses do SPIF. Neste caso non é subrogación (as prazas foron creadas polo remate das encomendas anuais no ano 2019) e pode que en moitos casos provoquen o despedimento das persoas que, segundo FP, precisamente xeran as prazas. Polo tanto, as prazas das brigadas de 6 meses do SPIF non se retiran (mesmo poderán engadir algunha máis). Ademais, o tempo de traballo en SEAGA vai puntuar coma noutra administración. En conclusión, consideran que o tempo de traballo de SEAGA vale para incluír a praza coma se fora na Xunta pero para valorar o o tempo de traballo non.

Para as categorías e escalas vinculadas ao SPIF inclúen unha cláusula pola que van valorar o tempo en entes con 0,125 ptos./mes, dando entrada tamén a entes públicos doutras administracións.

Modifican o apartado de formación e puntuarán os cursos dos ministerios da Administración Xeral do Estado (din que van igualar coa formación requirida para a carreira).

Os servizos prestados durante o período no que se goce dunha redución de xornada por conciliación serán valorados como servizos prestados en réxime de xornada completa.

Nas prazas de persoal laboral propio de Amtega (que proveñen do CIXTEC) que se ofertan, entenderase por administración convocante, exclusivamente a Axencia para a modernización tecnolóxica de Galiza. O mesmo para as prazas de IET, e AXEGA.

Corrixen a titulación de xerocultoras, oficiais de recursos naturais e outras.

Proceso selectivo Titulación
Escala técnica de cocina – Técnico na rama de hostaleira, restauración ou equivalente
Escala técnica de análises de laboratorio – Técnico na rama de sanidade, de bioloxía, de química ou marítimo pesqueira
Escala de xerocultor – Titulación que habilite para realización das funcións inherentes a esta escala.
Escala técnica de condución – Bacharel ou técnico e carné de conducir tipo C + tipo E
Escala de auxiliar de condución – Graduado en ESO e carné de conducir tipo C1
Escala auxiliar de recursos naturais e forestais. Especialidade oficial Titulación que habilite para a realización das funcións inherentes a esta escala e carné, autorización ou licenza que sexan necesarios para o manexo dos vehículos e da maquinaria.
Mestre de taller – Bacharel técnico superior o equivalente
Escala de profesores numerarios dos institutos maritimos- pesqueiros Licenciado ou graduado nunha titulación de calquera ramo e master que habilite para o exercicio da profesión de profesor, ou certificado de aptitude pedagóxica ou equivalente
Escala auxiliar de recursos naturais e forestais. Especialidade oficial Titulación que habilite para a realización das funcións inherentes a esta escala e carné, autorización ou licenza que sexan necesarios para o manexo dos vehículos e da maquinaria.

Seguindo un suposto informe de idoneidade emitido por Educación, parece que van admitir titulacións superiores para postos que requiren outra titulación. Por exemplo, o caso da escala de educadores/as de educación infantil, onde van aceptar as titulacións de mestra/e. Facer isto en base a un informe de Educación é asegurar a lea xudicial, pois o EBEP di algo diferente. A solución é que faciliten as prazas abondas para que puideran titular na quenda de libre este ano na vez de seguir dando falsas expectativas.

Persoas en incapacidade permanente con reserva de posto: nada lles impide presentarse pero teñen que estar aptas no momento de tomar posesión.

Mudan a convocatoria logo da queixa pola actual redacción que valora o tempo traballado como persoal estatutario coa mesma puntuación que na Xunta. 

O que deixan para despois.. (si é que non pasan de todo)

O evidente caos das titulacións requiridas para o acceso que ou segue sen axustarse a lei ou evolucionou a outra dentro da mesma categoría/escala (linguaxe de signos, capataz de recursos, lingüistas, etc.). Presentamos alegacións onde propuxemos solucións, pero ignoráronas.

Ante a pregunta de si os procesos por concurso-oposición derivados da Lei 20/2021 teranse en contan para as listas de contratación, por agora tamén queda sen definir. Propuxemos que de valorarse este proceso, non se perda a nota anterior, xa que hai moi poucas prazas nesta estabilización e obrigaría a todo o mundo a presentarse sen expectativas de sacar praza. Como non fixeron nada agora habería que modificar o decreto de listas.

O que seguen sen aclarar

Requirimos o listado anunciado coas persoas que non terían que presentarse ao proceso de estabilización extraordinaria porque xa van para persoal laboral fixo: seguimos sen resposta.

O persoal descontinuo e a media xornada, que xera praza, en moitos casos non vai acadar a puntuación mínima para poder presentarse, e por tanto tampouco recibiría a compensación prevista na Lei 20/21. Non concretaron ningunha solución a pesar de que dixeran que o estudarían.

Di o DXFP que hai 119 prazas na convocatoria de persoal funcionario con xornada parcial pero non identifican cales son. E a maiores, néganse a compensar o tempo traballado ás persoas de xornada parcial que en moitos casos van perder opción a praza. O director xeral de Función Pública di, textualmente, que valorar o 100% non ten “apollatura legal”.

Ante a denuncia polo baile de prazas e porque incluso retiran máis que as da estabilización das convocatorias de decembro de 2021, o DXFP di que non inclúen as prazas que xa provocaron estabilización ou procesos de consolidación, e as prazas anteriores de procesos en marcha (pendentes de rematar) compútanas de forma provisional. E que van publicar no web o listado de postos que xa están convocados en procesos anteriores.

Como é posíbel que modifiquen o listado de postos da Lei 20/21, temos que asegurarnos ben da escala/categoría/grupo no que inscribirnos antes de presentar a instancia (descarga e faille un pantallazo por se tiveras que reclamar).

Tampouco aclaran se van engadir os postos das escalas a extinguir de gardacostas ás prazas das convocatorias do C1. Isto é de sentido común xa que as convocatorias din que os servizos prestados nestas escalas se valorarán nas que se integraron.

Para o persoal reclasificado por sentenza xudicial a puntuación do tempo traballado farase a partir dos efectos da sentenza de reclasificación e a praza computarase tamén na escala reclasificada (aínda que a RPT non estea actualizada). Como o traballo en diferente categoría non o quixeron valorar aconsellámoste que vaias polas dúas opcións porque terás a experiencia partida. O castigo para o persoal que loitou pola sua reclasificación é triplo xa que no caso de non ter a titulación necesaria para a escala, agora quedan colgados/as.

Outras cuestións tratadas sobre os procesos de estabilización

Disparidade na valoración do tempo traballado e falta de reciprocidade nas convocatorias dos entes: dixeron que ían revisar o valor dos servizos prestados, pero non sabemos como queda a cousa.

Veterinarios/as: admiten un erro nas prazas, incluíron as da 2ª parte da transitoria 10ª do convenio colectivo, en troques das da 1ª parte; quedarán 12+34 prazas.

Técnicas/os de Inclusión Social que non teñen especialidade: van ao corpo superior e ao corpo de xestión. As que teñen especialidade van pola titulación que teñen no listado do web.

Servizos prestados que non van no modelo que elaborara FP: os certificados que está a facer agora o Consorcio non valen, porque non seguen o modelo de Función Pública. Vaia caos. Dende a CIG aconsellámoste que te apoies coa vida laboral para facer o cálculo na autobaremación,.

Como computan as vacacións retribuídas non desfrutadas? Pois ainda estamos agardando pola anunciada aclaración.

Título de galego (CELGA) asinado dixitalmente: o FIDES pide que o arquivo que contén o CELGA, estea asinado dixitalmente pola entidade certificadora. Din que é un erro que van corrixir, que se pode presentar copia simple (o documento escaneado).

Pagar as taxas se non chegas ao mínimo de 30 puntos para o concurso: queixámonos de que o FIDES non permite coñecer a puntuación total ata pagar as taxas, polo que non podes valorar se chegas ao mínimo de 30 puntos para poder participar. Esto pasa por chapuzas.

Escalas que comparten varias categorías e unha delas non tivo procesos selectivos: non trasladan a puntuación á formación.

Inclúen as categorías 9 e 52 na escala auxiliar de recursos naturais.

Persoal interino e laboral con estabilidade de seu (anteriores ao 92): quedan como persoal laboral fixo a extinguir.

Néganse a recuperar as prazas do C2 que retiraron por estar a extinguir (axentes forestais e vixilante pesqueiro/a). Porén, manteñen as de axentes ambientais no C1 aínda que é unha escala a extinguir.

O FIDES pide estar en posesión da titulación a data da convocatoria: di que é un erro e que van corrixir a esixencia do compromiso de ter a titulación neste momento; quedará como na convocatoria.

O director xeral de Función Pública anunciou unha inmediata publicación en DOG das modificacións das bases das convocatorias, o que implicará a ampliación do prazo de inscrición nos procesos (volverá a ser de 20 días hábiles). A nosa recomendación: agarda á publicación das bases para inscribirte.

(Documento que nos enviaron unha vez rematada a Comisión de Persoal do 17/01/23 e que sen coñecelo quixeron que o votásemos: descargar)