A CIG gañou o conflito colectivo ante o TSXG, que declara nula a cláusula contractual na que se suspendía o contrato ao persoal substituto nos períodos de vacacións no que pechan as escolas infantís

Nas escolas infantís da rede pública de cero a tres anos, a Administración galega castigaba ao persoal substituto ao non cotizar, non cobrar e non ter acceso á prestación por desemprego durante o período de vacacións, na que lles suspendían o contrato aínda que as persoas traballaran todo o ano.

A xeneralización desta cláusula inxusta nos contratos de traballo por parte da Consellería de Política Social xeraba graves prexuízos para o persoal afectado.

Esta cláusula establecía o seguinte:

“As vacacións anuais serán de (__) proporcionais ao tempo traballado segundo o convenio.

En calquera caso, e en aplicación do estabelecido no artigo 45.1 b) do Estatuto dos Traballadores e das Traballadoras, durante o período de pechamento da Escola Infantil o presente contrato ficará suspendido, fincando exoneradas as partes contratantes das súas obrigas recíprocas de traballar e remunerar o traballo durante tal período. “

Agora, o TSXG ditamina que a dita cláusula é nula e condena ao Consorcio:

“Estimando no esencial a demanda de Conflito Colectivo interposta pola Confederación Intersindical Galega contra o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar [..]

1º) A incorporación dunha cláusula, idéntica predisposta e adherente, en todos os contratos de interinidade por substitución de traballador/a con dereito a reserva de posto, pola que o empregado adquire o dereito, e o/a empregado/a substituto/a contrae a obriga de suspender a relación laboral durante os períodos de vacacións e festas escolares das Escolas Infantís, no se axusta a dereito [..]

3º) -A cláusula incorporada en todos os contratos de interinidade por substitución do traballador/a con dereito a reserva de posto, pola que o empregador/a adquire o dereito a suspender as relacións laborais das persoas traballadoras substitutas durante os períodos de vacacións e festas escolares das Escolas Infantís nas que prestan servizos, é nula por opoñerse a normas de dereito necesario.

4º) Aas persoas traballadoras afectadas pola aplicación desa cláusula teñen dereito a manter activas as súas relacións laborais durante os períodos de peche por vacacions e festas escolares das Escolas Infantís, sempre que ese réxime sexa o que se le aplicaría á persoa traballadora substituída. Condenamos á parte demandada a estar e pasar polo declarado.”

Ponte en contacto coa CIG e reclama os teus dereitos!!