Despois de anos sen Plan de Igualdade e de negociacións que non levaron a ningures, a Xunta publica o compromiso de elaboración do Plan de Igualdade.

As administracións públicas están obrigadas a dotarse dun plan de igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes no emprego e na ocupación dende o ano 2015 (Real decreto lexislativo 5/2015, de 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do estatuto básico do empregado público).

Xa van máis de sete anos que teriamos que ter un plan de igualdade e seguimos negociando despois de moitos paros. Agora, publican o Compromiso, que é un dos requisitos iniciais neste proceso de elaboración do Plan de Igualdade.

Contamos con que en non moito tempo cheguen a todo o persoal as enquisas que avalíen os aspectos cualitativos da situación actual en canto a igualdade, para elaborar o diagnóstico.

A CIG traballa para intentar conseguir que se elabore un plan de igualdade que sexa unha ferramenta útil para a igualdade efectiva entre mulleres e homes na Administración Autonómica, e non só unha obriga e un requisito para as administracións á hora de conseguir subvencións ou cumprir formalmente coa normativa estatal e europea.