“Esquecéronse” de negociar coa representación do persoal un título enteiro adicado á Administración pública galega. E agora véñenlles as présas: temos ata o venres 3 para alegar

O pasado venres día 24 fomos convocados pola Consellería de Emprego e Igualdade a unha reunión informativa na que nos deron conta dos aspectos do Anteproxecto de Lei que afectan ao persoal empregado público. Co texto da Lei avanzado e co ditame do Consello Galego de Relacións Laborais e do Consello Económico e Social (polo tanto a piques de entrar ao debate no Parlamento de Galiza), din que nos convocan para “negocialo”. Imos dar batalla, pois imos propoñer activamente melloras na igualdade na Administración pública e nos nosos dereitos de conciliación.

Nunha lectura rápida, este Anteproxecto recolle case literalmente os mesmos contidos que xa formaban parte do Decreto lexislativo 2/2015, de 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galiza en materia de igualdade. Observamos que hai retrocesos conceptuais importantes, introdúcense termos como “composición equilibrada” na vez de discriminación positiva, a omisión deliberada do machismo social e institucional igualando a base da que partimos homes e mulleres, e colan termos xa desbastados como a “violencia doméstica” na vez de “violencia machista”.

De cara as persoas empregadas públicas: nin mellora a conciliación, nin garante dereitos, nin regula nin achega nada novo. O único destacable e que nos remite á Lei de emprego público, seguindo a impoñer condicións por lei, obviando o carácter informador e regulador que tería o I Plan de Igualdade da Xunta de Galiza (en proceso de negociación na actualidade e que contempla definicións normativas máis actualizadas), obviando avanzar nos dereitos mediante a negociación colectiva.

É esta Lei de igualdade unha ocorrencia acelerada froito da carreira polos votos? Ou simplemente é unha fórmula hipócrita da Xunta de lavar a cara logo de 15 anos sen Plan de Igualdade para o seu persoal? Ou estamos diante dunha competición normativa co Ministerio de Igualdade?

Nós pensamos que Galiza debe de contar cunha regulación avanzada e precisa en materia de igualdade que constitúa dereitos e elimine discriminacións, pero para iso hai que facer as cousas ben: respectando a negociación colectiva, recollendo achegas e dándose o tempo necesario para levala a cabo.

Tes aquí o texto para consultalo (descargar), e se queres facernos algunha achega, contacta coa CIG.