O Goberno estatal elaborou un “Proyecto de Ley básica de bomberos forestales” cheo de boas intencións pero baleira de contido

A proposta que entrou o 28 de febreiro para comezar a tramitación parlamentaria no Congreso dos Deputados/as, aprobaríase nas vindeiras semanas en forma de Lei e é de caracter básico polo que afecta a todo o persoal bombeiro forestal. En breve comezarán os trámites de emendas para os grupos parlamentares.

Ainda que o texto mellora outros borradores anteriores, para a CIG é unha oportunidade perdida se non se solucionan cuestiónsbásicas como a xubilación anticipada ou as enfermidades profesionais. Son precisamente estes dous aspectos fundamentais os que xustificarían unha norma básica. Defendemos que as condicións laborais se melloren mediante a negociación colectiva e non se impoñan por lei. 

Os bombeiros e bombeiras forestais galegas temos moito que dicir desta proposta de norma básica: 

Seguridade e saúde laboral. Danse un ano para facer un regulamento de riscos laborais: porque non o fan agora? Queremos que se recoñezan xa no catálogo de enfermidades profesionais a protección da saúde coa perspectiva dos factores idade e xénero e tomarse en serio os riscos laborais desta profesión.  

Xubilación opaca.  Nin é anticipada cos coeficientes redutores nin é directa. Ademais deberíase sinalar unha idade máxima de xubilación, ou imos estar ata os 67 anos apagando lumes?. 

Retroceso nos dereitos laborais básicos. Poderían establecerse descansos entre xornadas de só 10 horas, co que se rebaixaría o establecido actualmente no Estatuto dos Traballadores/as e no V Convenio. No camiño da funcionarización sen dereitos á que nos aboca a Xunta é unha cuestión perigosa: temos que negociar xa un Acordo marco propio e deixarse de inventos na lei básica. 

Precariedade laboral. A pesar de que a recoñecen, non establecen ningunha medida para paliala. Se queremos un servizo público profesional que traballe en multiemerxencias, ben dotado e formado, deberase traballar todo o ano. 

Servizos públicos ou…privados? Renuncian a un sistema público de extinción de incendios forestais. Na CIG non o facemos, témolo claro: servizos públicos con empregados/as públicos!

Igualdade efectiva sen medidas concretas, imposible. Se queremos avanzar en dereitos e igualdade entre mulleres e homes, temos que ter en conta o ambiente laboral masculinizado, a dificultade para facer efectivos os dereitos de conciliación, o factor de sexo nos riscos laborais (sexa pola sensibilidade aos tóxicos das mulleres ou polo dereito a EPIs nos que se teña en conta as diferencias anatómicas), a protección da maternidade, etc. 

Son asignaturas pendentes que se deixan ao abeiro dun “posible” Plan de Igualdade. Si na Xunta levamos 15 anos sen o I Plan de igualdade, canto poden tardar en facer un para os bombeiros e bombeiras forestais?

Norma realizada ao marxe das organizacións que non decimos “SI Buana”. A CIG, pese a ter a consideración de organización sindical “máis representativa", non fomos chamados para negociar. Non se convocou mesa de negociación algunha, furtáronnos poder reclamar o que é de dereito para todos os bombeiros e bombeiras forestais. 

Pactaron con outros ao marxe do marco legal e así de pobre quedou o Anteproxecto. Unha mágoa porque dende a Galiza temos moito que dicir xa que, por desgraza, temos experiencia sobrada nos lumes.

Se queres coñecer o texto e enviarnos as túas consideracións, faino aquí. Nós trasladarémosllas aos grupos políticos do Congreso dos Deputados/as  e loitaremos para que as defendan no trámite parlamentario.