A CIG gañou o conflito colectivo presentado ante o TSXG polo que este declarou nula a cláusula contractual na que se suspendía o contrato ao persoal substituto nos períodos vacacionais no que pechan as escolas infantís

Nas Escolas Infantís da rede pública de cero a tres anos, a Administración galega castigaba ao persoal substituto ao non cotizar, non cobrar e non ter acceso á prestación por desemprego durante o período vacacional, na que lles suspendían o contrato aínda que as persoas traballaran todo o ano.

A xeneralización desta cláusula inxusta nos contratos de traballo por parte da Consellería de Política Social xeraba graves prexuízos para o persoal afectado. Esta cláusula establecía o seguinte:

As vacacións anuais serán de (__) proporcionais ao tempo traballado segundo o convenio. En calquera caso, e en aplicación do estabelecido no artigo 45.1 b) do Estatuto dos Traballadores e das Traballadoras, durante o período de pechamento da Escola Infantil o presente contrato ficará suspendido, fincando exoneradas as partes contratantes das súas obrigas recíprocas de traballar e remunerar o traballo durante tal período.

Agora, o TSXG ditamina que a dita cláusula é nula e condena ao Consorcio:

Estimando no esencial a demanda de Conflito Colectivo interposta pola Confederación Intersindical Galega contra o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar (CGSIB)
...
3º) -A cláusula incorporada en todos os contratos de interinidade por substitución da/o traballador/a con dereito a reserva de posto, pola que o empregador/a adquire o dereito a suspender as relacións laborais das persoas traballadoras substitutas durante os períodos de vacacións e festas escolares das Escolas Infantís nas que prestan servizos, é nula por opoñerse a normas de dereito necesario.

4º) As persoas traballadoras afectadas pola aplicación desa cláusula teñen dereito a manter activas as súas relacións laborais durante os períodos de peche por vacacións e festas escolares das Escolas Infantís, sempre que ese réxime sexa o que se lle aplicaría á persoa traballadora substituída. Condenamos á parte demandada a estar e pasar polo declarado.”


Ponte en contacto coa CIG e reclama os teus dereitos!!