A elaboración dun Plan de Igualdade conta con diferentes fases reguladas na correspondente normativa como son o Compromiso da organización (que foi publicado neste mes) e a Elaboración da Diagnose (que necesita da recollida de datos cuantitativos e cualitativos (enquisa) para poder avaliar as carencias e propor solucións). Estas fases son necesarias para poder elaborar o Plan de Igualdade, a súa implantación e o seguimento das medidas propostas.

O luns día 20 de marzo a Administración a través de AMTEGA prevé enviar un correo masivo co enlace da enquisa do I Plan de Igualdade a todos os correos electrónicos das traballadores e traballadores da Xunta.

A enquisa estará dispoñible dende o propio luns 20 até o luns 10 de abril e pódese cubrir dende o móbil ou o ordenador persoal. Non se poden responder varias enquisas dende un mesmo ordenador (mesma IP). Dende a CIG propuxemos, porque somos conscientes da fenda dixital existente, o mantemento do formato papel para aquelas persoas que puideran ter máis dificultades para a tramitación electrónica, pero dende Función Pública non se aceptou esta posibilidade.

É necesaria a participación masiva nas respostas a este cuestionario e se algunha persoa ten dificultades para a súa realización, pode contactar coa CIG e botarémoslle unha man.

As administracións públicas están obrigadas a dotarse dun plan de igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes no emprego e na ocupación dende o ano 2007 (Lei Orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva entre mulleres e homes).

Dende a CIG, levamos anos e anos esixindo un Plan que sexa unha ferramenta útil para a igualdade efectiva entre mulleres e homes na Administración Autonómica e non só unha obriga formal para cumprir coa normativa estatal ou europea ou un requisito que cumprir á hora de conseguir subvencións.

A pesar das nosas discrepancias, tras anos de intentos fracasados e de non tomarse en serio a negociación nin o ter un Plan de Igualdade de oportunidades para homes e mulleres, imos conseguindo que se materialicen pouco a pouco as fases da súa elaboración.

Dende a CIG seguimos traballando para que a igualdade sexa real e se removan todas as discriminacións.