O pasado 31 de marzo tivo lugar unha xuntanza para negociar o Fondo de Acción Social do ano 2022. A proposta que entregou a Administración segue a vir unicamente con axudas para para atención de persoas con discapacidade, polo que segue a manter limitadas as axudas iniciais deste Fondo de Acción Social, como a xubilación, discapacidade propia, fillos/as menores, maiores a cargo, axuda aos estudos de fillos/as e propios, adquisición de vivenda, gastos sanitarios e ópticos.

Todos estes recortes no FAS comezaron no ano 2012 da man da Lei 1/2012, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da Comunidade Autónoma de Galiza, unha lei ditada ao abeiro dunha crise económica xa superada e da que o goberno do estado español xa ten levantado todas as limitacións de orzamento que puideran ser xustificación destes recortes.

Nesta proposta que nos presenta a Administración, a única novidade con respecto o anterior FAS é o aumento do nivel das rendas anuais das persoas causantes, que se ve incrementado este límite dos 13.300 euros do ano pasado ata os 13.510. A cantidade desta axuda fica en 2.160 euros por causante, exactamente igual que no ano 2021 e no 2020, así que non se actualizou nen tan sequera co IPC.

Na CIG insistimos nas alegacións presentadas en anos anteriores e que se resumen en:

  • Recuperación de todas as modalidades (axudas) do FAS que tiñamos antes dos recortes, e aumentalas progresivamente.

  • Recuperación dos importes subtraídos no 2012 e chegar ao 1% da masa salarial.

  • Compatibilizar as axudas do FAS con outras que se poidan percibir, e que a resolución e aboamento sexa no mesmo ano natural da convocatoria para evitar os problemas con declaracións complementarias de IRPF.

  • Que todas as axudas que se concedan sexa proporcional o nivel de renda das familias.

  • Solicitamos que esta axuda se meta en nómina tamén no persoal funcionario, co mesmo sistema de petición que ten o persoal laboral, por unha sola vez, ata que se perda o dereito a cobrala. De non facerse así supón un agravio para o persoal funcionario público que ten que facer a petición cada ano e entregar a documentación xustificativa e, dado que vai case con dous anos de atraso, podería quedar sen cobrar se cambian as circunstancias da persoa causante e/ou a solicitante.

  • No referido a solicitudes debe darse como opción prioritaria a presentación por sede electrónica cun procedemento propio para o FAS, permitindo que se poida presentar tamén por rexistro, tal como parece no artigo 5.

  • Os prazos para solicitar o FAS non deben coincidir en ningún caso co mes de agosto. Se non se aceptan as demandas de modificación total do documento e a apertura dunha negociación para a recuperación dos nosos dereitos, a publicación debe facerse canto antes para así podermos garantir o pagamento do FAS dentro do presente ano.

  • A resolución e aboamento do FAS debe ser no mesmo ano natural da convocatoria para evitar ter que recorrer a declaración complementarias do IRPF.

  • Que estas alegacións da CIG cheguen a alguén con capacidade para cambiar o Fondo de Acción Social. En definitiva, queremos un auténtico Fondo de Acción Social ao que se poda acoller todo o persoal empregado público da Xunta que vaia máis aló dunha simple liña de axudas para atención de persoas con discapacidade.

A maiores dixemos que nos parece inxusto que compañeiros e compañeiras de MUFACE, que prestan servizos para a Administración autonómica e mesmo para outras administracións, teñen dereito a axudas que a Xunta de Galiza non contempla neste FAS. Queremos igualar en positivo, engadindo as axudas que faltan.

Preguntamos por cando teñen previsto publicar o FAS. Respostan que sairá a finais de abril.

Adiantaron que van cambiar o modelo de FAS, que vai a ser aberto e permanente a partir do ano 2024. Din que se negociará e que sairá a diante o que vote a maioría.

En definitiva, queremos un auténtico Fondo de Acción Social ao que se poda acoller todo o persoal empregado público da Xunta que vaia máis aló dunha simple liña de axudas para atención de persoas con discapacidade.