No DOG do martes 21 de decembro de 2010, faise público o Plan de formación continua do persoal ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011. As dúas convocatorias previstas, que se corresponderán cos dous semestres do ano, faranse no Diario Oficial de Galicia e a matrícula realizarase a través da páxina web da EGAP: http://egap.xunta.es/matricula. A primeira convocatoria agarda que se faga pública o vindeiro luns 27, cun prazo de presentación de solicitudes ata o 13 de xaneiro de 2011.

Quedan excluídas desta resolución: as actividades derivadas de cursos selectivos, os cursos superiores, as actuacións en colaboración e as xornadas, conferencias e seminarios, as actividades doutras administracións públicas e as actividades de formación do persoal docente da Consellería de Educación, do persoal da Administración de Xustiza e do persoal sanitario, que terán as súas propias convocatorias de acordo coa aprobación dos seus plans ou os convenios que se asinen durante o ano 2011.

Este plan estrutúrase en accións formativas de carácter xeral e específico, referidas todas elas ás seguintes áreas: dirección e xerencia pública, economía e finanzas, recursos humanos, recursos materiais e tecnolóxicos, procesos de traballo, normativa e organización autonómica, específicas do sector competencial, idiomas e coñecementos transversais.

Ver a oferta formativa da EGAP 2011