A elaboración dun Plan de Igualdade conta con diferentes fases reguladas na correspondente normativa como son o Compromiso da organización e a Elaboración da diagnose, que necesita da recollida de datos cuantitativos e cualitativos (enquisa) para poder avaliar as carencias e propor solucións. Estas fases son necesarias para poder elaborar o Plan de Igualdade, a súa implantación e o seguimento das medidas propostas.

O mércores 12 de abril é o derradeiro día para realizares a enquisa, que podes encher dende o móbil ou o ordenador persoal. Non se poden responder varias enquisas dende un mesmo ordenador (mesma IP).

É necesaria a participación masiva nas respostas a este cuestionario para poder facer unha diagnose da situación da igualdade de oportunidades e de trato na Administración.

As administracións públicas están obrigadas a dotarse dun plan de igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes no emprego e na ocupación dende o ano 2007 (Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva entre mulleres e homes).

Dende a CIG, levamos anos e anos esixindo un Plan que sexa unha ferramenta útil para a igualdade efectiva entre mulleres e homes na Administración autonómica e non só unha obriga formal para cumprir coa normativa estatal ou europea, ou un requisito que xustificar á hora de conseguir subvencións.

A pesares das nosas discrepancias, tras anos de intentos fracasados e de non tomarse en serio a negociación nin o ter un Plan de igualdade de oportunidades para homes e mulleres, imos conseguindo que se materialicen pouco a pouco as fases da súa elaboración.

Dende a CIG seguimos traballando para que a igualdade sexa real e se removan todas as discriminacións.