O SERGAS establece as 35h semanais para o seu persoal a partir do 2025. E para o persoal dos corpos xerais e especiais da Administración Xeral, que?

A Comunidade de Madrid, a Generalitat de Catalunya e, como non! a Xunta de Galiza son as tres administracións públicas que aínda non teñen implantada a xornada de 35 horas semanais para o seu persoal empregado público.

Nós, sempre á cola, sempre a rastro, sempre os últimos, así é a Función Pública Galega. Comunidades autonómas como Murcia e Castela e León veñen de chegar a acordos para reducir a xornada semanal e implantar unha mellora para o conxunto do persoal público.

A redución de xornada non é un “capricho do funcionariado”, no ámbito privado xa hai medidas que fomentan unha tendencia a redución de xornada, á implantación de obxectivos e á conciliación familiar sen deixar de lado a produtividade. Nomeadamente o goberno central aprobou este mes de abril unha serie de axudas para reducir a catro xornadas semanais sen tocar salarios, destacando os beneficios para a redución do consumo enerxético aumentando os beneficios sociais e a produtividade. Será unha conquista social máis, como foron no seu día as vacacións, non traballar sete días á semana, a prohibición do traballo infantil, etc. O que agora alguén pode vender como un privilexio non deixará de ser outro dereito laboral.

E que pasa na Xunta de Galiza?

Para o persoal dos corpos xerais e especiais da Administración Xeral da Xunta de Galiza a redución de xornada ás 35h estaba no 2018 na mesa de negociación de medidas para a mellora do emprego público e das condicións de traballo, que logo quedou descafeinado e no esquecemento xa que no Acordo de concertación do emprego público de Galiza ficou nun simple compromiso que sinalaba que a administración presentaría no primeiro trimestre de 2019 unha proposta para o desenvolvemento dun plan para o establecemento doutras xornadas anuais inferiores para o persoal con xornadas a quendas, nocturnas ou especialmente penosas. Pero todo quedou noutra promesa incumprida da Direccion Xeral da Función Pública e nin os asinantes (CCOO e UGT) foron quen de reclamalo.

O acordo que vén de asinar o SERGAS coas organizacións sindicais, recolle unha redución paulatina de 112 horas sobre a xornada de 37,5 horas, equivalente ás 35 horas semanais que se implantará durante os anos 2023, 2024 até alcanzar a totalidade da redución durante o ano 2025. Podemos collelo como unha base para comezar a falar, xa están tardando.

35 horas semanais, xa!