No marco da campaña en demanda de atención presencial, de calidade e sen discriminación, a CIG-Administración Pública, xunto co colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG, mobilizouse o 26 de abril na Coruña diante do edificio da Delegación do Goberno. Na protesta denunciouse que coa escusa da transformación dixital e a cita previa a parte máis vulnerábel da cidadanía está a ser expulsada sen pudor das nosas administracións e servizos públicos.

Dende a CIG advertimos que o avance nas tecnoloxías non pode implicar que haxa unha discriminación na atención á cidadanía. Entendemos que o futuro da administración será pola vía telemática e dixital pero non se pode desatender a demanda dunha grande parte da sociedade porque non teña os medios ou a formación adecuada. Por iso, reclamamos un reforzo da atención presencial e a atención directa, que é fundamental para prestar un servizo de calidade.

Neste senso, rexeitamos que se utilice o sistema de cita previa, que pode ser unha ferramenta útil, para reducir a cantidade de persoas que acoden á administración e desvialas á vía telemática. Reclamamos que se axusten as ratios de cita previa ás necesidades reais, porque non é aceptábel que se estean a dar citas a dous meses vista, como está pasando no INSS ou na Tesoureiría da Seguridade Social. Dous ámbitos nos que existe unha elevada carga de traballo e nos que falta persoal, que ademais se deriva a cubrir a atención telemática.

Exemplo doutra administración na que se están rexistrando problemas graves é na oficina de estranxeiría na Subdelegación do Goberno da Coruña, onde hai un atraso moi grande, máis dun mes para obter a cita previa. Isto ocasiona serios trastornos ás persoas que necesitan facer o permiso de residencia, porque lle vence o período para estar no país e non conseguen facer os trámites por culpa da cita.

Pedimos que se potencie a atención directa, que se cubran todas as vacantes e que se creen postos de atención telemática que agora non existen e que se ocupan con persoal que deixa de ofrecer atención presencial. Esta problemática afecta a todas as administracións e por iso o pasado mes, a CIG-Administración Pública xa desenvolveu unha concentración similar diante da Xunta en San Caetano.

De xeito paralelo, o colectivo de persoas xubiladas e pensionistas ten en marcha unha campaña contra a exclusión dixital no marco da que están recollendo sinaturas que entregarán o vindeiro 10 de maio á Valedora do Pobo.

Dificultades na solicitude dunha cita

Conseguir unha cita xa constitúe unha enorme dificultade porque nin todas as persoas usan internet, nin o público xeral ten acceso á linguaxe técnica, nin é doada a comunicación con máquinas en lugar de con persoas, e mesmo, en moitos casos, supón un custo económico para algúns sectores da sociedade que, por diversas causas só poden acceder aos servizos públicos se contan coa axuda de familiares ou pagando a asesorías pola realización de tarefas que corresponden recibir das administracións e do seu persoal.

Na CIG levamos anos denunciando que asistimos a unha inquietante conxunción de desmantelamento e privatización de servizos e a un proceso de dixitalización e dificultades de acceso físico aos organismos para realizar trámites que están a provocar un distanciamento nunca visto da administración coa cidadanía.

Falta de persoal e privatización

Para a atención presencial derívanse cada vez menos recursos humanos e incluso para a tramitación electrónica a formación das empregadas e empregados públicos é insuficiente ou inexistente, os medios técnicos arcaicos, os sistemas usados pouco intuitivos e mesmo hai múltiples fallos de conexión.

Denunciamos este modelo de xestión de políticas liberais e rexeitamos que a privatización de servizos públicos “se normalice”, como ocorre en numerosos exemplos de servizos públicos que están a ser xestionados por empresas privadas.

Este é o caso de SEGIPSA, que xestiona actividades do Catastro; TRAGSATEC, que leva entre outras xestións a do ingreso mínimo vital e a execución dun servizo de apoio técnico á consellaría de Política Social na xestión de diversas axudas; EGFP SA, participada nun 60% polo BBVA, nun 20% por CCOO e outro 20% por UGT, que xestiona o plan de pensións privado da AXE con fondos públicos; ou o servizo de atención telefónico, fundamental para a xestión da cita previa, que está practicamente privatizado, ademais de non funcionar.

Consideramos que o cambio de sistema non pode servir de amparo para xustificar o profundo deterioro dos servizos públicos que a sociedade galega está a padecer, nin para afondar nesas privatizacións.