A CIG ten solicitado en numerosas ocasións a implantación do grupo B na nosa administración, pero a Dirección Xeral de Función Pública fai mutis sobre o asunto e mantén a rebaixa profesional de varias escalas incumprindo o EBEP e os seus propios Acordos

A Xunta mantén sine die a rebaixa profesional das escalas de persoal funcionario que, segundo o EBEP, deberan estar no grupo B, xa que se lles esixe para o ingreso un grao superior de formación profesional. A realidade é ben triste, e máis de 15 anos despois seguimos sen grupo B nos corpos xerais e especiais da Administración Xeral da Xunta de Galiza.

Función Pública, para negar o B nun principio argumentou a necesidade dunha regulación estatal, e como o razoamento non se sostiña, meteu unha excepción na LEPG para que as escalas de axentes técnicos ambientais e de delineantes queden na practica no C1. E todo isto fíxoo a pesar de que asinou no 2016 un Acordo de promoción interna para que os/as axentes ambientais puideran promocionar ao grupo B. Ao persoal delineante, (debe ser porque son poucos/as) simplemente os ningunea e nin se digna a respostar, como sucedeu na Mesa Xeral de Empregados Públicos do 17 de marzo cando dende a CIG preguntámoslle especificamente polo mantemento absurdo da exclusión do B mencionando expresamente como exemplo ao persoal delineante do Concello da Coruña que estaban a tomar posesión neste grupo.

E agora repítese a rebaixa profesional facendo equivalencias á baixa como é o caso dos/as xefes de cociña ou dos/as oficiais de primeira a quen se lles esixiu o grao superior para o acceso á condición de laboral fixo e agora os/as sitúan directamente no C1. Ou anulándoo “de facto” como fai coas escalas de xefe/a de brigada de incendios forestais. E nesta dinámica algúns dos graos medios vense afectados e “en coherencia” son rebaixados ao C2.

Para a CIG non hai xustificación posible que manteña esta rebaixa profesional na Xunta, xa que concellos e deputacións da Galiza xa teñen persoal no grupo B. Outros sindicatos piden o B por un lado mentres asinan equivalencias rebaixadas por outro, o que lle vale a Función Pública para escudarse neles e adiar o asunto e non cumprir o Estatuto Básico do Empregado Público que creou o Grupo B no ano 2007. Non nos rendemos e volveremos insistir ata que morran da vergoña.

Ata cando a Administración autonómica vai seguir a negar o grupo B? Que se cumpra a Lei e que se respecte a titulación profesional do persoal da Administración pública galega.