A Xunta retira a cláusula ilegal sobre suspensión de contratos das escolas infantís de cero a tres anos da Axencia Galega de Servizos Sociais.

A CIG presentara conflito colectivo ante o TSXG polas suspensións de contrato ao persoal substituto nos períodos vacacionais no que pechan as escolas infantís, tanto da Axencia (pendente de celebrar o 29 de xuño) como do Consorcio.

Unha vez celebrado, e gañado, o conflito do Consorcio, que declara nula esa cláusula contractual, a Consellaría de Política Social retira xa dos contratos a dita cláusula. As compañeiras, tanto da AGSS como do Consorcio, xa non poden ser suspendidas de contrato nos períodos vacacionais.

Nas escolas infantís da rede pública de cero a tres anos, a Administración galega castigaba ao persoal substituto ao non cotizar, non cobrar e non ter acceso á prestación por desemprego durante o período vacacional, na que lles suspendían o contrato aínda que as persoas traballaran todo o ano.

A xeneralización desta cláusula inxusta nos contratos de traballo por parte da Consellería de Política Social xeraba graves prexuízos para o persoal afectado.

Agora, o TSXG ditamina que a dita cláusula é nula:

“...3º) -A cláusula incorporada en todos os contratos de interinidade por substitución da/o traballador/a con dereito a reserva de posto, pola que o empregador/a adquire o dereito a suspender as relacións laborais das persoas traballadoras substitutas durante os períodos de vacacións e festas escolares das Escolas Infantís nas que prestan servizos, é nula por opoñerse a normas de dereito necesario.

4º) As persoas traballadoras afectadas pola aplicación desa cláusula teñen dereito a manter activas as súas relacións laborais durante os períodos de peche por vacacións e festas escolares das Escolas Infantís, sempre que ese réxime sexa o que se lle aplicaría á persoa traballadora substituída. Condenamos á parte demandada a estar e pasar polo declarado.”

Agora, as traballadoras e traballadores poden reclamar as cantidades económicas que deixaron de percibir no último ano e que lle regularicen as cotizacións da seguridade social dos últimos cinco anos.

Se estiveches nesta situación, ponte en contacto coa CIG !!