No DOG do 08/05/2023 publican a Orde do 26 de abril de 2023 pola que se regula o procedemento de integración como persoal laboral da Xunta de Galiza do persoal laboral fixo procedente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar (código de procedemento AP100A).

Poderá exercer a opción para se integrar como persoal laboral da Xunta de Galiza o persoal laboral do CGSIB, sempre que reúna os seguintes requisitos:

a) Ter formalizado un contrato laboral fixo coa entidade de procedencia, celebrado despois de ter pasado un proceso de selección realizado baixo os principios constitucionais de publicidade, mérito e capacidade.

b) Ter a titulación establecida no anexo II e cumprir os demais requisitos exixidos para o acceso ao grupo e a categoría de homologación do Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galiza.

c) Estar en situación de servizo activo ou en situación que orixine dereito á reserva de praza ou posto.

A solicitude de integración dirixirase á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social e Xuventude e realizarase no prazo de 15 días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación da presente orde no DOG, segundo o modelo de solicitude que se xunta no anexo I.

O posto de traballo ao que se adscriba o persoal interesado será o mesmo que viña desempeñando no momento da solicitude de integración ao abeiro do correspondente contrato de traballo como persoal laboral fixo da entidade de procedencia.

As notificacións electrónicas recibiranse pola sede electrónica da Xunta de Galiza e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal, con avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo electrónico e/ou teléfono móbil que consten na solicitude.

O persoal laboral fixo do CGSIB que non solicite a súa integración ou, unha vez solicitada, renuncie voluntariamente a ela, así como as persoas solicitantes que non cumpran os requisitos para que aquela se produza, manterá o réxime xurídico do persoal ao servizo do Consorcio establecido nos seus estatutos adicional terceira e no ordenamento laboral.