O xoves 11 de maio de 2023 tivo lugar unha nova xuntanza da Mesa Xeral de Empregados Públicos, onde se nos deu conta da proposta da RPT de funcionarización do servizo de incendios e se responderon (ou non) ás alegacións das organizacións sindicais. 

Dentro do punto de Rogos e preguntas, o director xeral de Función Pública deu información de: negociación da promoción interna, negociación de segunda actividade, novo decreto de listas de substitución, repesca de funcionarización, proceso selectivo de incendios e da Lei 20/21 (temporalidade). 

RPT DE FUNCIONARIZACIÓN DO SPDCIF

Por parte da CIG as nosas alegacións levan sendo practicamente as mesmas en tódalas RPT de funcionarización. Para nós é mais que evidente que o xeito de realizar todos estes procesos non é o correcto. Onte voltamos a reiterar as seguintes cuestións:

  1. Levar anos e anos sen concurso de traslados coma persoal laboral supón agora tamén unha diminución na liberdade elección. Na práctica quedas “obrigado/a” a funcionarizarte para non quedar sen mobilidade.

  2. Seguimos insistindo en que non ter negociado con carácter previo un acordo de condicións de traballo específico para o persoal do servizo de incendios non fai máis que minguar a seguridade e liberdade á hora de tomar unha decisión. Neste senso non será porque a CIG non leva bastante tempo insistindo en que esta cuestión é básica (nós xa lles presentamos hai tempo unha nova proposta de acordo que rexeitaron). Ademais, é a vía para poder adaptar as condicións de traballo á nova realidade do servizo de incendios. O de que se manteñen as condicións establecidas no V Convenio Colectivo do persoal laboral ata a chegada dun novo acordo está ben como declaración pero na práctica non é así (xa tivemos exemplos noutras consellerías).

  3. Non se explica que haxa diferenzas no complemento de destino dentro da mesma especialidade.

  4. Pedimos unha aclaración de como vai ser o pago da nocturnidade para o persoal funcionarizado do SPIF. A resposta do director xeral foi que: "tal e como viña sendo para o persoal laboral".

  5. Solicitamos a inclusión das prazas do persoal bombeiro forestal xefe/a de brigada como grupo B (tal e como prevé a LEPG). Esta é unha petición reiterada por parte desta organización sindical pero a resposta é a mesma de sempre.

  6. Parécenos axeitado que non haxa complemento de funcionarización.

  7. Preguntamos como queda a situación do persoal laboral fixo en situación de funcionarizarse que se atopa noutra praza en adscrición provisional. A resposta foi que a provisión será con carácter definitivo ou provisional dependendo da situación de partida. Nalgúns casos poderán optar por funcionarizarse en destino definitivo no posto de orixe ou con carácter provisional no que ocupan en adscrición.

ROGOS E PREGUNTAS

En breve se retomará a negociación dun acordo de segunda actividade para o persoal funcionario.

Están a traballar nun novo decreto de listas de substitucións co fin de iniciar canto antes a negociación.

Previsiblemente antes do verán aprobarase unha "repesca" dos procesos de funcionarización para aquelas persoas que non foron na primeira convocatoria.

Abrirase unha negociación das bases da promoción interna nos vindeiros días (non quedou claro se facía referencia a todas as escalas ou só a corpos xerais).

Con respecto aos baremos definitivos dos procesos selectivos do persoal do servizo de incendios contan ter revisadas as alegacións nas próximas semanas.

Na semana do 22 ou na do 29 publicarán previsiblemente as listaxes provisionais de admitidos/as dos procesos selectivos da Lei 20/2021 (temporalidade) con indicación de quen ten que realizar a proba de galego. Esta proba realizaríase antes das datas publicadas para a realización dos exercicios dos procesos selectivos e agruparanse, por nivel de Celga, aos distintos grupos e subgrupo.