O 15 de maio de 2023, o Comité Intercentros, e os comités de Política Social, mantivemos a xuntanza solicitada coa Secretaria Xeral Técnica da Consellería de Política Social, á que asistiu o Director Xeral de Función Pública.

Tanto o compañeiro da CIG que ostenta a presidencia do Comité Intercentros como o resto dos membros das outras OOSS nos comités expuxemos as demandas po persoal de Política Social:

  • Actualización das ratios de persoal, completamente desfasadas (son de 1996), á realidade dos centros neste momento.
  • Tipoloxía de usuarios: ingreso nos centros de persoas moi novas con perfís psiquiátricos, cando os centros non están adaptados estruturalmente, nin contan con material, nin existe dotación de persoal con formación axeitada. Todo isto acaba xerando problemas de convivencia co persoal residente que ten outras características completamente diferentes.
  • Necesidade de modificación do decreto de listas para tentar mellorar o funcionamento das coberturas temporais.
  • Compensación do traballo en domingos e festivos, moi importante, pero non o único e fundamental.
  • Escaseza de material cando hai gromos de COVID nos centros. Pagamento dos tres complementos (penosidade, perigosidade e toxicidade) ao persoal de reforzo, e non ao resto de persoal, que traballa nas mesmas condiciona de funcións e quendas.
  • Cronograma da negociación de todas estas cuestións.

Por parte da CIG, expuxemos a maiores cuestións como a idade do persoal, maioritariamente preto da xubilación, número elevado de accidentes laborais, e necesidade de regular unha segunda actividade así como alternativas de xubilación (xubilación parcial, coeficientes redutores, etc..), que poña fin ás adaptacións de posto pola perda da saúde do persoal. Dificultade para a conciliación do persoal da consellería. Ratios insuficientes e dereito de comedor como parte educativa de educadoras en menores.

Función Pública incidiu nos puntos seguintes:

  • A idade do persoal: espera que vaia renovándose coas oposicións e incorporación de xente mais nova.
  • Estudará coa Consellería de Sanidade unha alternativa para as persoas que non se corresponde co perfil de usuarios das residencias de maiores.
  • Incremento de persoal centrado fundamentalmente na conversión en contratos de xornada completa de todos os contratos de xornada inferior (medias xornadas e xornadas de fin de semana) e no aumento nos centros nos que queda unha persoa sóa na quenda de noite, a dúas persoas na quenda.
  • Modificación do decreto de listas, estudando es especificidades de Política Social, e o tema das penalizacións e ofrecer maior estabilidade nas contratacións.
  • Redución da xornada máxima anual, polo aumento de persoal.
  • Estudará un sistema mixto de compensacións do traballo en domingos e festivos que contemple tanto aumento de descanso como de retribucións.
  • Aumento de niveis de carácter retributivo, especialmente para algunhas categorías (médicas, enfermeiras, etc..) que incentiven o traballo na consellería.
  • A respecto do cronograma, contan levar ás mesas de negociación estas cuestiona nas vindeiras semanas para o seu estudo, e tentar chegar a acordos antes do mes de agosto (finais de xuño ou xullo) para incluír na proposta dos orzamentos do 2024 .
  • En relación ao asunto da segunda actividade, isto excede do ámbito de Política Social e haberá que negocialo con carácter xeral para todo o persoal da Xunta de Galiza.

Todas estas medidas incidirán nunha mellora das condicións laborais do persoal de Política Social.

Congratulámonos de que por fin se teñan en conta as demandas do persoal de Política Social, e que se fagan realidade as propostas que melloren as condicións laborais e retributivas, porque É DE XUSTIZA, despois de 11 anos de recortes de persoal e de salario, traballando sempre a mínimos e con menoscabo da nosa saúde.