Na Comisión de Persoal do pasado día 16 de maio aprobouse a RPT de funcionarización do SPIF co voto en contra da CIG.

Este foi un proceso que “comezou polo tellado” e dende a CIG sempre defendimos un proceso transparente, que facilitara toda a información que permitira ao persoal do servizo de incendios tomar a decisión de funcionarizarse ou non con tódalas garantías e coñecendo con carácter previo todas as condicións. Nesta liña, incluso na xuntanza da Comisión de Persoal e tendo en conta que minutos despois aprobouse esta RPT o director xeral de Función Pública anunciou que se valoraría a posteriori unha nova proposta de adaptación dos complementos, a negociación dunha regulación da segunda actividade para o persoal funcionario, a proposta dun novo acordo de condicións de traballo...

Aínda que valoramos positivamente que non exista complemento de funcionarización, non podemos estar de acordo cun proceso así. As razóns polas que a CIG votou en contra a son as seguintes:

• Non estamos de acordo en que non se encadre as prazas de bombeiro/a forestal xefe/a de brigada no grupo B.
• Seguimos dicindo que o acordo de condicións de traballo tiña que ser previo a esta RPT. Dende a CIG levamos xa tempo presentándolle á administración unha proposta para comezar a negociar este acordo, e advertindo dos problemas que poderían xurdir de levar a cabo o proceso de funcionarización sen telo.
• Non compartimos que haxa diferenzas no complemento de destino para postos iguais.