Persoal do servizo de gardacostas de Galiza continuou o mércores 10 de maio coas mobilizacións para reclamar a súa inclusión no réxime especial do mar e que se lle recoñezan coeficientes redutores da idade de xubilación, ao igual que xa ten recoñecido o persoal que realiza tarefas de salvamento e vixilancia a través das empresas privadas. Desta volta, realizáronse dúas concentracións: a primeira na Delegación do Goberno na Coruña e a segunda en Vigo diante da Consellaría do Mar, como administracións responsábeis desta situación.

Dende a CIG salientamos que a exclusión deste colectivo do réxime especial do mar constitúe unha clara discriminación que o Goberno e o Instituto Social da Mariña exerce contra este persoal unicamente por ser funcionarias e funcionarios públicos. Denunciamos que o ISM fai unha lectura interesada da Lei de Seguridade Social para excluílo, xa que polas súas funcións, este persoal tiña que ser protexido dentro deste réxime.

Denunciamos tamén que nin o Goberno español nin a Xunta achegan unha solución para este persoal que traballa na vixilancia e salvamento nas costas galegas, a quen se lle esixen os mesmos requisitos para o embarque que ao resto do persoal da empresa privada ou o persoal laboral da Xunta pero son excluídos pola súa condición de persoal funcionario.

O ISM esíxelle iguais requisitos para embarcar (como o recoñecemento médico específico ou os requisitos formativos) pero ao mesmo tempo denégallos. Cumpren coas esixencias do réxime especial do mar pero o ISM exclúeos dos beneficios dese mesmo réxime.

Dende a CIG levamos xa un ano loitando para a inclusión no REMAR dos funcionarios/as do servizo de gardacostas de Galiza, e a aplicación de coeficientes redutores para a xubilación. Non se entende que con 64 anos se estea traballando cos mesmos riscos laborais que o persoal da empresa privada coa que se comparte traballo, medios e embarcacións e que se xubila case dez anos antes.

Nin o Goberno español nin a Xunta dan solución

Criticamos que nin a conselleira do Mar nin o Goberno español dan unha saída a este persoal que xa leva moitos meses mobilizándose sen pausa. Hai xa máis de catro meses que a CIG solicitou unha reunión co delegado do Goberno que aínda non foi atendida. Xa basta de escusas, queremos unha solución xa!

Por parte da Consellaría do Mar, mais do mesmo. Mestura o seu persoal con outros conflitos e non aclara nada, non queremos que nos use como baza de enfrontamento político, queremos que inste unha solución xa para a protección do seu persoal.