A saturación nos equipos psicosociais dos IMELGA, da Xunta de Galiza, que presentaban un atraso na elaboración de informes periciais, nalgunhas delegacións de ata 2 anos, foi unha das críticas expostas polo propio Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) na apertura do ano xudicial en setembro de 2022. A resposta inicial da Xunta foi o incremento de horas extras do persoal do IMELGA, medida que resultou insuficiente para recortar os tempos de espera. Por este motivo, no pasado mes de novembro se crearon ata 7 equipos de reforzo con persoal funcionario interino, psicólogos e traballadores sociais; 2 en Pontevedra, Santiago e A Coruña e 1 en Lugo.

A pesares das dificultades engadidas polas recentes folgas dos diferentes colectivos de traballadores no ámbito xudicial, conseguiuse reducir as listas de espera en procedementos de familia, chegando o mes de maio a traballar nos iniciados no presente ano, minorándose notablemente os tempos de espera.

Porén, esta situación non é puntual senón estrutural. Existen subdireccións cunha demanda insostible para o número de equipos psicosociais que as compoñen e xa, no pasado mes de novembro, o presidente do TSXG e a entón directora do IMELGA, coincidiran na necesidade de ampliar o número de equipos para “reducir os atrasos” na emisión de informes periciais, o que repercutiría na axilización dos procedementos xudiciais.

Neste mes de maio, coñecemos o novo convenio celebrado pola Vicepresidencia Segunda con dúas institucións de profesionais, o Colexio de Psicóloxía de Galiza e a Asociación Nacional de Peritaxe Social, por un valor total de 60.000€, externalizando un servizo público como xa se fixo noutras ocasións, a última no 2021, que resultou cara e ineficaz e debilitou a seguridade dos xuíces e fiscais á hora de valorar a proba pericial debido ás diferentes metodoloxías e protocolos de valoración aplicados polos diferentes profesionais externos, fronte á homoxeneidade conseguida entre as e os membros dos equipos psicosociais públicos.

A diferenza con esta nova privatización, radica na existencia actual de equipos de reforzo en funcionamento, plenamente integrados na dinámica das diferentes subdireccións territoriais do IMELGA e dos órganos xudiciais galegos, constituídos por 14 funcionarios interinos competentes que asumiron de forma eficaz e eficiente a tarefa de asesorar e orientar a representantes legais, xulgados e fiscalía, fornecéndolles unha información imparcial, profesional e comprensible que lles facilita a toma de decisións nos procedementos tramitados.

Esiximos da Vicepresidencia a anulación destes convenios de colaboración e avogamos pola consolidación dos equipos de reforzo coa súa creación na relación de postos da Consellaría.

Rexeitamos estes convenios que, ademais de non garantir a confidencialidade dunha información tan protexida como a de menores e familias, permitirá que os profesionais desas institucións ocupen dependencias públicas, accedan aos expedientes e poidan rematar cunha demanda por cesión ilegal de traballadores