(Nota: Marta Fernández Tapias cesou como delegada territorial o 16/06/2023)

Quedoulle pequeno o pisiño que Marta Fernández Tapias ocupa na totalidade do quinto andar do edificio administrativo da Xunta en Vigo. Quedoulle pequeno porque ten que compartilo cun número incerto de persoas (poderían ser 10-12), entre as que temos unhas seis de libre designación (3 secretarias, 1 secretaria territorial, 1 letrado/a, 1 sección), un número descoñecido de persoal de gabinete (asesores e prensa), e algún chofer.

Facendo memoria, o pisiño da delegada territorial é unha herdanza dos seus antecesores dende os tempos de Mª José Bravo Bosch, quen forzou un desaloxo do persoal funcionario que ata ese intre utilizaba o quinto andar para traballar.

Foille imposíbel arrexuntarse un pouco mais para facer un espazo adecuado para as roldas de prensa, así que nada como utilizar a entrada do edificio principal. Así, de paso, cando veñan persoas importantes, estarán nun espazo máis visible.

Fai máis de 20 anos que estamos no edificio administrativo de Vigo, e dende o primeiro día xa quedou pequeno, ata o punto de que non hai espazo para o arquivo e de que a cada pouco haxa intencións de sacar algún servizo do edificio para facer espazo.

No edificio hai salas de xuntas abondo para facer roldas de prensa, e nestas condicións, todo o persoal co que temos falado transmitiunos o seu desgusto pola ocupación dun novo espazo que por riba ten un uso moi ocasional.