A nova escola infantil, que abrirá en setembro, será de xestión privada

Dende a CIG denunciamos publicamente un novo atentado contra os servizos públicos

A Axencia Galega de Servizos Sociais (AGASS), da Consellaría de Política Social, publica por procedemento de tramitación urxente a contratación do Servizo de Xestión, Dirección e Administración da Escola Infantil O-3 da Cidade da Xustiza de Vigo.

A escola contará con 41 prazas e acollerá as crianzas dos empregados e empregadas públicas de Xustiza e da Xunta de Galiza e de haber vacantes, tamén da cidadanía que o solicite.

Dende a CIG sempre puxamos pola creación de escolas infantís nos edificios administrativos e demais lugares onde se concentren traballadoras e traballadores co fin de favorecer a conciliación da vida laboral e familiar. Porén, tamén esiximos que estes servizos sexan de xestión pública porque é ben sabido que o público é servizo e o privado beneficio.

Unha vez máis, a Xunta de Galiza inviste en infraestruturas públicas a conta dos impostos dos galegos e as galegas e, de seguido, “cede” a xestión a empresas privadas, xustificando este xeito de actuar "...ao non dispor de medios suficientes...

Pois parece ser que se teñen medios suficientes para a construción, equipamento e dotación económica para pagar polo servizo...pero non se teñen medios para aforrar cartos contratando a persoal propio.

O modelo privatizador dos servizos públicos está na xenética do PP. Faino ás caladas, con aleivosía e nocturnidade, facendo propaganda do servizo pero sen entrar a explicar que se dá a xestión ás empresas privadas para o seu beneficio a calquera prezo.