O sindicato maioritario na Xunta vén de remitirlle un escrito ao director xeral da Función Pública para que aplique a sentenza xa a todas as empregadas e empregados públicos

O pasado seis de xuño de 2023 a Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza ditou unha sentenza, en resposta a un recurso promovido pola CIG Autonómica, na que se se declara “o dereito do actor [un traballador do Consorcio Galego de Benestar e Servizos Sociais] a gozar dun permiso por nacemento de fillo de proxenitor non xestante de 22 semanas de duración, e non das 16 semanas recoñecidas na LEPG, condenando a entidade demandada a estar e pasar por esta declaración e a que lle recoñeza o dereito a gozar das seis semanas non recoñecidas, con todos os efectos legal e regulamentariamente establecidos»

A CIG Autonómica leva anos defendendo a ampliación dos permisos por parto, tanto para a persoa xestante como para o outro proxenitor, co obxectivo de estender estes permisos até 52 semanas de duración, equiparándonos cos dereitos máis avanzados a nivel europeo nos coidados e conciliación da vida laboral e familiar.

Nesta liña a CIG Autonómica xa propuxo en diferentes mesas de negociación, como primeiro paso, o aumento do permiso para outra persoa proxenitora até 22 semanas, co obxectivo de equiparar este co da nai biolóxica. Agora, a xustiza confirma que a nosa demanda sindical ten pleno amparo legal e constitúe claramente unha razón para que a administración galega, en virtude da citada sentenza, recoñeza este dereito a todos os empregados e empregadas públicas.

Por todo isto, desde a CIG Autonómica demandámoslle á dirección xeral da Función Pública:

1. A modificación do artigo 124 da Lei 2/2015 no sentido do que recolle a sentenza, recoñecendo a extensión a 22 semanas desde as 16 actuais para a persoa proxenitora diferente da nai biolóxica en casos de nacemento, acollemento, garda con fins de adopción ou adopción dun fillo ou filla.

2. A publicación, mentres non se faga efectivo ese cambio, das instrucións ou normas legais necesarias para que recoñeza ese dereito a todos os empregados e empregadas públicas da Xunta de Galiza, evitando que persoas que terían dereito ás 22 semanas vexan limitado este dereito antes da modificación da Lei.

3. A negociación, no marco da Mesa Xeral, da extensión dos permisos para ambos proxenitores, dos permisos no camiño da proposta da CIG de ampliala, cando menos dun xeito progresivo, até as 52 semanas.