A CIG gañou o conflito colectivo ante o TSXG, que declara nula a cláusula contractual na que se suspendía o contrato ao persoal substituto nos períodos vacacionais no que pechan as escolas infantís

Nas Escolas Infantís da rede pública de cero a tres anos, a administración galega castigaba ao persoal substituto ao deixalo sen cotizar, sen cobrar e sen acceso á prestación por desemprego durante o período vacacional, na que lles suspendían o contrato aínda que as persoas traballaran todo o ano.

A xeneralización desta cláusula inxusta nos contratos de traballo por parte da Consellería de Política Social xeraba graves prexuízos para o persoal afectado.

No mes de marzo, a CIG xa gañara o mesmo conflito ante o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. A cláusula anulada establecía o seguinte:

As vacacións anuais serán de (__) proporcionais ao tempo traballado segundo o convenio. En calquera caso, e en aplicación do estabelecido no artigo 45.1 b) do Estatuto dos Traballadores e das Traballadoras, durante o período de pechamento da Escola Infantil o presente contrato ficará suspendido, ficando exoneradas as partes contratantes das súas obrigas recíprocas de traballar e remunerar o traballo durante tal período.

En días previos ao xuízo, á Xunta de Galiza achegou ao proceso 4 certificados das delegacións provinciais ás que está adscrita a Axencia Galega de Servizos Sociais (AGSS), acreditativos de que a Administración acordara non introducir a cláusula de suspensión de contratos a partires do mes de marzo do 2023, data na que adquiriu firmeza a sentenza contra o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar gañada pola CIG.

O día da vista oral a letrada da Xunta de Galiza pretendeu que o Tribunal rematara o proceso xudicial sen xulgar o fondo do asunto. Para iso aducía que, como dende marzo a Xunta fixera compromiso de non introducir a cláusula nos contratos do persoal interino, o preito xa non tería obxecto.

O que pretendía a Xunta era non ter unha nova sentenza en contra e quedar libres para poder facer uso da cláusula nun futuro.

O TSXG non caeu na trampa e, atendendo aos argumentos da CIG, ditaminou nula a cláusula para o persoal da AGSS.