Un novo agravio para o persoal funcionarizado do SPIF que non percibe os trienios por segundo mes consecutivo

Dende a CIG non paramos de publicar informacións sobre o descontrol que impera no SPIF, que roza o esperpento. Pero isto non é novo, é outro episodio máis dunha longa listaxe de despropósitos.

Primeiro foi a posta en marcha dun proceso de funcionarización ”a cegas” , sen condicións de traballo negociadas previamente. A maiores das incertezas das condicións, trouxo consigo os tumbos nos chamamentos polas listas de contratación, as comisións de servizo e adscricións provisionais, con prazas que se ofertan e logo se retiran, cambios nas datas da súa vixencia, etc.

Todas estas situacións poderian evitarse, non será porque non o tentaramos, incluso enviamos hai máis dun ano unha proposta base para negociar a priori as condicións laborais. Pero para algúns sindicatos e para a Xunta non pasa nada por comezar a casa polo tellado. Así nos vai.

Logo veu o episodio da remuneración das horas extras realizadas no pasado verán. O nunca visto ata o de agora, a parte do persoal se lles pagaron estas horas extras, mentras ao compañeiro do lado que as fixo non. Dende a CIG, non compartiamos o cobro económico destas horas pero tamén é certo que non podemos consentir discriminacións entre compañeiros/as.

E agora viu o problema da falta do cobro de trienios do persoal que se funcionarizou do SPIF. Xa van dous meses sen cobralos, primeiro baseándose nunha explicación e logo noutra, sendo ata o de agora o único persoal ao que non se lle está abonando. Pero bueno, tampouco é a primeira vez que non se cobra algunha retribución. A modo de exemplo, en varias ocasións abonouse a nocturnidade con retraso. Outro agravio máis, sobre todo tendo en conta que a maioría do persoal da Xunta soe cobrar este concepto mensualmente, pero no SPIF non.

A estabilización extraordinaria en base á Lei 20/2021 merece un capítulo aparte. A estas alturas non é un segredo que por parte da Xunta fíxose unha interpretación torticeira da DA8ª desta lei, desaparecendo na práctica, excepto para o persoal de 6 meses do SPIF.

Chegados a este punto e vendo que cada día se incrementa o caos, solicitamoslle á Xunta para que inicie de xeito inmediato a negociación dun acordo marco de condicións do persoal do SPIF. Por iso dende a CIG estamos realizando unha recollida de sinaturas entre o persoal. Pero non é a única cuestión que require de solución, fai falta resolver os procesos selectivos pendentes, regular as listas de contratación....Todo isto dende a negociación colectiva, con base á normativa vixente e con criterios claros e negociados.

SENTIDIÑO XA!!