A CIG esixe á Xunta a negociación urxente das condicións de traballo do persoal de incendios e das brigadas helitransportadas ante a disparidade de criterios entre as bases.

Estamos rematando o mes de agosto e coas novas brigadas helitransportadas e outro persoal funcionarizado aínda sen regular. A Consellería de Medio Rural e Función Pública incumplen o Estatuto Básico do Empregado Público e a própia norma galega (LEPG) ao ter ao persoal traballando sen Acordo de condicións laborais e fóra do V Convenio Colectivo Único.

Na CIG vimos denunciando esta situación dende hai meses, e ao comezo da campaña de verán pedimos amparo a Valedora do Pobo que respostou o 18 de xullo co acto de admisión a trámite e anunciou de inicio de actuacións, no que solicitou informe á Dirección xeral da Función Pública e a Consellería do Medio Rural. Máis parece que asubían para arriba xa que aínda non temos convocatoria para apertura do proceso negociador e co aumento da carga de traballo ante os lumes forestais a situación tórnase insostible, como era de esperar.

Cada provincia está a impor horarios diferentes diferindo incluso entre bases e distritos. Ademais a día de hoxe o persoal das brigadas helitransportadas non saben cales van ser as súas condicións ao remate da campaña de verán, nin horarios, nin funcións e traballos. Establecéronse na relación de postos de traballo prazas itinerantes sen compensacións e sen ter negociado as condicións laborais como as/os emisoristas destas bases.

E todo porque a Consellería de Medio Rural creou as novas brigadas helitransportadas ás presas e obviando a necesaria negociación colectiva das condicións de traballo que se segue a negar a tratar. É máis, o persoal xa tiña dereito a saber as condicións laborais antes de aceptar os chamamentos para poder optar aos novos postos con toda información.

Alguén se imaxina que poidas estar a traballar na Xunta de Galiza sen convenio, ou (o que é o mesmo para o persoal funcionario), sen acordo de condicións laborais?

Ante esto a CIG-Autonómica ven de reiterar a solicitude de negociación. De non atender esta esixencia e, ante a teima da consellería en permanecer na ilegalidade, imos presentar denuncia e solicitar responsabilidades aos titulares da consellería que teñen ao persoal traballando cunha prestación de servizo especial e con tanto risco sen condicións laborais.

Acordo regulador de condicións laborais para todo o persoal XA!