O persoal, sen convenio desde xuño, insta a Medio Rural a apertura dun proceso de negociación.

Delegados e delegadas da CIG das catro provincias galegas presentaron esta mañá, no rexistro da Xunta de Galiza, preto de 700 sinaturas de traballadores/as do servizo de incendios para instar á Xunta a que negocie as súas condicións laborais, xa que están sen convenio dende o 1 de xuño deste ano.

A Consellaría de Medio Rural deixou sen regular as condicións laborais dos postos de traballo do persoal funcionario do SPIF, bombeiros e bombeiras forestais, emisoristas e vixilantes ou persoal das brigadas helitransportadas, entre outros, que teñen un réxime especial de prestación de servizos con quendas, noites, horarios diversos e alongados, limitacións de vacacións e outros permisos e dereitos, riscos extremos derivados do perigo de traballar na extinción dos incendios forestais da Galiza.

Aínda así, nesta campaña estase a traballar porque, polo de agora, a Consellaría do Medio Rural mantén unha sorte de status quo neste verán do 2023, pois a carteleira aínda está a ser compartida con outro persoal que si ten convenio. Porén, xa hai problemas de horarios diferentes entre bases, distritos e provincias, producindo diferenzas nas condicións laborais de traballadores/as que cobran igual, e dándose episodios de abuso laboral por parte da consellería, como a obriga de traballar, até o de agora, 11 horas/xornada durante todo o ano -e non só na campaña de verán-, que vén de se mudar pola obriga de traballar de orto a ocaso nas bases helitransportadas ourensás, ou impor as datas para o goce de todos os días de vacacións e permisos.

Negociación

A CIG-Autonómica vén demandando, desde o pasado ano, a negociación das condicións laborais do persoal previas á funcionarización. Ante a inacción da administración, este mes de xullo presentamos queixa ante a Valedora do Pobo que iniciou actuacións. A funcionarización deixa sen convenio ao persoal recentemente funcionarizado, que non ve recollido os dereitos laborais vinculados á especial prestación de servizos que se desenvolve no SPIF.

Nin o Acordo de Concertación nin o Decreto de funcionarización obrigan á Administración a que os novos postos funcionariais teñas os dereitos do V Convenio Colectivo Único transitoriamente, mentres non se negocie unha nova regulación.

A este respecto hai que sinalar que o pasado 13 de xuño entrou en vigor a funcionarización do persoal do SPIF que quixo acollerse a este procedemento. Os que continúan como laborais están acollidos no V Convenio Único pero coa mobilidade restrinxida e outros dereitos recortados desde 2012, como as compensacións por domingos e festivos.

Por iso consideramos que é necesario un Acordo marco regulador que parta dos dereitos do V convenio único e que minimice as posibles diferenzas de dereitos entre persoal funcionario e laboral.

Fronte a iso, denunciamos o proceder da Dirección Xeral de Función Pública, da Consellería do Medio Rural e, nomeadamente, do director xeral de Defensa do Monte que impón mediante circulares protocolos de actuación e funcións sen negociar.

Sinalamos aos titulares de Función Pública e da Consellería como responsables de que hoxe esteamos sen dereitos laborais por estas prestacións especiais de servizo incumprindo toda a normativa laboral e o Estatuto Básico do Empregado/a Público.