A CIG exixe que se incremente o tempo de traballo para o persoal fixo descontínuo

Decenas de traballadoras e traballadores dos servizo de emerxencias de incendios forestais da Galiza manifestáronse o luns 13 de novembro fronte a consellería de Medio Rural, convocados pola CIG-Administración Autonómica, para reclamar unha mellora efectiva das súas condicións laborais, máis estabilidade, máis seguridade e un aumento do tempo de traballo para o persoal fixo-descontinuo.

Trátase de bombeiros e bombeiras forestais, vixiantes e emisoristas, que fan fronte, ano tras ano, ao maior índice de lumes de todo o estado español. Incendios forestais que debido o cambio climático e o abandono do medio rural, cada vez son máis perigosos e máis difíciles de xestionar.

Condicións laborais obsoletas

Este colectivo ten que lle facer fronte a estes incendios nunhas condicións laborais obsoletas, poñendo en risco a súa seguridade e saúde, con horarios abusivos de xornadas maratonianas, mais sen compensación algunha polo traballo realizado en fins de semana e festivos. Un dereito que foi recortado pola crise do capital en 2012, que pagamos os traballadores e traballadoras e que despois de tanto tempo e de probado crecemento económico, seguimos sen recuperar.

Xunto a isto denunciouse que as e os compañeiros de seis meses son obrigados a vivir por debaixo do limiar da pobreza porque, malia as denuncias, a Xunta négalles a compatibilidade para poder traballar no período de inactividade do seu contrato. Por iso clamaron contra un Goberno da Xunta que non ten escusas para que se lle amplíe o tempo suficiente de traballo para poder vivir dignamente, xa que hai un aforro considerable derivado do proceso de funcionarización do persoal laboral fixo e da resolución dos procesos selectivos, que son a prazas funcionariais e que suporá un considerable aforro a administración, de cando menos 2,5 millóns de euros.

Porén, nin o persoal funcionarizado desde o mes de xullo deste ano, nin as brigadas helitransportadas de nova creación, nin os compañeiros e compañeiras que van ser reconvertidos proximamente, logo dos procesos dos procesos selectivos en marcha, contan cun acordo que regule e protexa as súas condicións laborais. A Administración, irresponsablemente, deixou a centos de compañeiros/as conscientemente sen regulación, coa obriga da prestación do servizo, pero sen os dereitos laborais.

Por iso, dende a CIG recorriuse á Valedora do Pobo onde se presentaron máis de 700 sinaturas, para que Medio Rural nos convocara a unha mesa de negociación que tivo lugar o pasado 29 de setembro. Unha xuntanza na que a Administración se comprometeu a seguir negociando e traer propostas á mesa, aínda que “transcorrido un mes, non soubemos nada: nin proposta nin reunión.

Casualmente, unha vez convocada esta manifestación para reclamar a continuación das negociacións e un bo acordo de condicións laborais si recibimos noticias da Administración que nos citou a unha mesa que tivo lugar o pasado día 9 de novembro. Alí levounos unha proposta de horarios completamente lamentable, que empeora de maneira manifesta as condicións laborais que recolle o V Convenio. Unha burla máis aos traballadores/as do servizo, outro desprezo máis a este persoal tan indispensable para a protección do medio ambiente e para a seguridade de todas as galegas. Outro agravio comparativo máis con respecto o resto do persoal dependente da administración.

A CIG reclama da administración unhas condicións laborais dignas

Así, o que dende a CIG lle exiximos á Xunta de Galiza é unha carteleira negociada, única e anual; compensación por traballar fins de semana e festivos; horarios que permitan o descanso e a conciliación; ampliación do tempo de traballo do persoal de seis meses; a aplicación de coeficientes redutores e catálogo de enfermidades profesionais que corresponden por lei as bombeiras e bombeiros forestais.

Isto xunto a mellora das instalacións e maior implantación de medidas para reducir os riscos laborais; a regulación do réxime de horarios, tempos de descanso, funcións, permisos, vacacións… sempre mellorando o V Convenio do persoal laboral, ademais dun plan formativo que inclúa a formación en apoio en continxencias no medio natural e rural, tal e como lle corresponde a este persoal como servizo de emerxencias que son.

Un novo acordo que, en síntese, mellore o anterior e sexa de aplicación tanto para persoal funcionario como laboral que traballa neste dispositivo para que non se produzan máis desigualdades entre compañeiros e compañeiras.