No DOG do 08/01/2024 publican a ORDE do 29 de decembro de 2023 pola que se modifica a Orde do 20 de decembro de 2013, que regula a acreditación, a xornada e o horario de traballo, a flexibilidade horaria e o teletraballo dos empregados públicos no ámbito da Administración xeral e do sector público da Comunidade Autónoma de Galiza, no relativo á flexibilidade horaria por conciliación.

Poderán acollerse á flexibilidade horaria por conciliación de horas as persoas empregadas públicas que se encontren nalgún dos seguintes supostos:

a) Ter fillos ou fillas ou persoas acollidas menores de idade. No suposto de que o cumprimento da maioría de idade se produza antes da finalización do curso escolar, a persoa interesada poderá solicitar a súa prórroga con motivación da súa petición.

b) Ter fillos ou fillas maiores de idade respecto dos cales se establecesen xudicialmente medidas de apoio atribuídas aos seus proxenitores.

c) Convivir con familiares que, por enfermidade ou avanzada idade, necesiten asistencia.

d) Ter ao seu cargo persoas con discapacidade ata o primeiro grao de consanguinidade ou afinidade.

e) Empregadas públicas vítimas de violencia de xénero ou de violencia sexual.

f) Atoparse nun proceso de nulidade, separación ou divorcio, desde a interposición da demanda xudicial ou desde a solicitude de medidas provisionais previas ata transcorridos tres meses desde a citada demanda ou solicitude.

O marco horario estará comprendido entre as 7.30 e as 20.00 horas.