No pasado ano 2010, o persoal sanitario da Xunta regulado pola Lei estatal 17/1989 (persoal funcionario sanitario non estatutario) non puido solicitar cursos da EGAP

O motivo debíase a que a EGAP non consideraba a este colectivo como persoal da Xunta e os excluía das convocatorias de cursos formativos. Paradoxalmente, o FEGAS (a Escola de Formación do SERGAS) tampouco lles permitía realizar cursos por non seren persoal estatutario do SERGAS. Xa no seu momento, a CIG solicitoulle á Dirección Xeral da Función Pública que se suprimise a dita exclusión para as convocatorias de cursos formativos da EGAP.

Desde 2011, este persoal xa non está excluído nas convocatorias. No entanto,  cando un traballador da Lei estatal 17/1989 solicita un curso, recibe unha Resolución  da EGAP dicindo que se lle exclúe por non aparecer na base de datos de persoal da Xunta.

Na última Comisión de Persoal,  a CIG solicitoulle ao director xeral da Función Pública que solucionase este problema. Como resultado desta xestión, Función Pública comprometeuse a lle facilitar á EGAP unha base de datos que inclúa ao persoal deste colectivo para que non lles sexan denegados os cursos.

Se algunha persoa da Lei estatal 17/1989 se lle continuasen a denegar os cursos da EGAP por este motivo, pode dirixirse aos locais sindicais da CIG, aos foros ou ao correo autonomica@cigadmon.gal