A CIG insta a xubilación anticipada para o persoal das escalas de axentes ambientais á Xunta de Galiza e na Lei básica que se está a tramitar no Congreso dos Deputados/as

A CIG insta á Xunta de Galiza para que dea cumprimento do Acordo sobre as condicións de traballo dos axentes forestais e medioambientais de Galicia asinado coas organizacións sindicais CIG, CCOO e UGT o 11 de outubro de 2018 para que procedan a solicitude de implantación de coeficientes reductores para o persoal das escalas de axentes ambientais, axentes forestais e axentes técnicos ambientais.

Así o punto 8 do Acordo establece: 

“Oitavo. Coeficientes redutores xubilación

A Xunta de Galicia comprométese a instar e colaborar, achegando os datos e documentación que se precise, ante a Administración competente en materia de coeficientes redutores da idade de xubilación deste colectivo.”

A Xunta de Galicia como empregadora e en base ao punto oitavo deste Acordo acadado coas organizacións sindicais debe promover, ao abeiro do artigo 10 do Real Decreto 1698/2011, do 18 de novembro, polo que foi regulado o réxime xurídico e o procedemento xeral para establecer coeficientes redutores e anticipar a idade de xubilación no sistema da Seguranza Social, o inicio dun procedemento para o estabelecemento de coeficientes redutores para rebaixar a edade de xubilación e para a fixación dunha edade mínima de acceso á pensión dos funcionarios e funcionarias da Xunta de Galiza pertencentes ás de axentes forestais (C2), axentes facultativos ambientais (C1) e agora axentes técnicos ambientais (B).

Asimesmo se continúa a inacción da Xunta de Galicia que ignora de xeito repetido os acordos acadados, non nos imos quedar paradas e como organización sindical estamos a promover todas as accións necesarias para que dunha vez os axentes ambientais e forestais da Galiza teñan a xubilación anticipada. 

O proxecto de lei básica de axentes forestais e ambientais xa entrou no Congreso sen mencionar a xubilación anticipada

Neste sentido, o 7 de marzo o Consello de Ministros voltou a aprobar un Proxecto para unha lei básica para axentes forestais e ambientais que ten que ir agora a tramitación parlamentaria no Congreso dos Deputados/as pero que non regula a xubilación anticipada para estes funcionarios e funcionarias. O pasado ano xa entrara para a súa tramitación pero quedou parado polas eleccións políticas, este que se presenta agora é idéntico ao de 2023. Porén temos que salientar que nin o PP de Galiza nin a maioría dos partidos políticos con capacidade de mudar este proxecto presentaron emendas para introducir a xubilación anticipada de forma directa no marco da lei como teñen, por exemplo, a policía local ou os bombeiros e bombeiras forestais cos que ademais o persoal afectado comparte ámbito laboral. 

Nesta nova tramitación estamos a contactar con todos os grupos demócratas para que presenten emendas para a mellora do texto entre as que claramente está a inclusión dun artigo de xubilación directa e de recoñecemento dos efectos retroactivos se é cos coeficientes reductores do traballo do persoal das escalas de axentes forestais e ambientais da Galiza.