Tras unha xuntanza entre a secretaria xeral técnica, o xerente do Consorcio e Función Pública, todas as traballadoras dos servizos centrais teñen que enterarse das súas datas de cese ao filtrarse a información.

Que a transparencia non se lle dá ben ao Consorcio é coñecido por todos/as, pero están conseguindo acadar niveis espectaculares na súa incapacidade de xestión.

Nesta ocasión as afectadas son as traballadoras/es dos servizos centrais do Consorcio que no día de hoxe recibiron un chivatazo dunha información que dera a Secretaría Xeral Técnica sobre o cese que vivirán practicamente a totalidade do persoal.

Estas traballadoras son persoal laboral temporal do Consorcio dende hai quince e dezaseis anos na súa maioría e participan no proceso de estabilización, así que viven nunha situación de incerteza porque a Administración non dá máis información que a que publica no DOG.

Pero a desagradable sorpresa produciuse hoxe cando lonxe de manter un diálogo fluído co cadro de persoal, a Secretaría Xeral Técnica informa a un traballador que será en xaneiro cando cesen as actuais traballadoras e se incorporen os novos funcionarios/as xerando unha situación de risco psicosocial nos diferentes departamentos.

É tan difícil facer as cousas ben?

Dende a CIG exiximos unha rectificación e información fluída coas persoas afectadas e cos representantes do persoal!!