O día 27 de febreiro asistimos a unha reunión con Función Pública para tratar o Fondo de Axudas para a atención a persoas con Discapacidade (FAD).

A CIG pensa que xa é hora de chamar as cousas polo seu nome xa que como vimos denunciando dende hai anos é o mal chamado Fondo de Acción Social (FAS) porque del só queda unha única axuda: axuda para atención de persoas con discapacidade. Mantén suprimidas as axudas iniciais deste Fondo de Acción Social, como eran a xubilación, discapacidade propia, fillos/as menores, maiores a cargo, axuda aos estudos de fillos/as e propios, adquisición de vivenda, gastos sanitarios e ópticos.

Nesta proposta que é un “corta e pega” de anos anteriores, solo muda o nivel das rendas anuais das persoas causantes, que pasa do límite dos 14.000 aos 15.120 euros pero non muda a cantidade da axuda que fica en 2.160 euros por causante, exactamente igual que no ano 2020, 2021, 2022 e 2023 sen actualizar nen tan sequera o IPC.

A CIG reitera as alegacións presentadas en anos anteriores e que se resumen en:

• Incrementar o importe actual como mínimo conforme o Índice de Prezos o Consumo (IPC) dos derradeiros anos, para esta axuda.

• Recuperar todas as modalidades de axudas do anterior FAS recoñecidas antes dos recortes, e incrementalas progresivamente.

• Recuperar os importes subtraídos no 2012 e chegar ao 1% da masa salarial.

• Compatibilizar esta axuda con outras que se poidan percibir, e que a resolución e aboamento sexa no mesmo ano natural da convocatoria para evitar os problemas con declaracións complementarias de IRPF.

• Que todas as axudas que se concedan sexan proporcionais ao nivel de renda das familias.

• Que se proceda a unha equiparación de todo o persoal público. Existe persoal na propia Administración Autonómica ou noutras que, por pertencer a Muface, teñen dereito a melloras desta axuda.

• Que esta axuda sexa incluída no recibo de salarios tamén para o persoal funcionario, co mesmo sistema de solicitude e xestión que ten o persoal laboral. De non facerse así supón un agravio comparativo para o persoal funcionario público que cada ano debe solicitar e achegar a documentación xustificativa para percibila con máis de un ano de atraso.
Ao respecto do mencionado neste punto, solicitamos que esta nova Dirección de Emprego Público e Administración de Persoal asuma e faga seu o compromiso da anterior Dirección Xeral de Función Pública que coincide coa nosa proposta.

Ante as nosas propostas a única resposta é que o importe destinado a este fondo é de 2 millóns (moi lonxe dos máis de 9 millóns do ano 2012) polo que non se pode facer modificación algunha e tampouco permite establecer o sistema de pago mensual ao persoal funcionario xa que suporía acompasar dous anos e non existe orzamento.

A CIG fíxolle saber que, aínda que concordamos coa solución incluída no artigo 12 anterior FAS para a pervivencia da axuda do artigo 35 do convenio para o persoal que se funcionarizou e que en base a orde de confección de nóminas soamente mantiña o dereito no ano da funcionarización, detectamos un novo problema. As persoas que se acolleron o ano pasado a este articulado dispoñen de resolucións das súas respectivas consellerías nas que se indica que o dereito se mantén “en tanto preste servizos nesta consellería” Que sucede entón se a persoa deixa de traballar para esa consellería (concursa, solicita unha comisión de servizo noutra consellería…etc)?
Solicitamos, polo tanto, que se artelle un sistema para a pervivencia nestas circunstancias.

Á vista de que non se aceptan as nosas demandas de modificación total do documento solicitamos que a súa publicación no DOG se faga canto antes para garantir o pagamento neste ano. Indican que está prevista no mes de marzo.

A CIG quere unha negociación real, para que este sexa un auténtico Fondo de Acción Social, e non un Fondo de Axuda a Discapacidade, que vaia máis aló dunha simple liña de axudas para a atención de persoas con discapacidade polo que tamén o temos demandado na negociación dos Orzamentos anuais da Xunta de Galiza para permitir o seu incremento porque no non ten sentido manter os recortes que comenzaron no ano 2012 da man da Lei 1/2012, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da Comunidade Autónoma de Galiza.