A prestación de servizos na modalidade de teletraballo na Administración da Comunidade Autónoma de Galiza funcionaba ata o de agora con relativa normalidade agás a xa endémica opacidade da Xunta e a reiteración do incumprimento da convocatoria das Comisións de Seguimento para que as organizacións sindicais poidamos exercer un control.  

Mais nos últimos días están a chegar queixas do persoal por limitacións ao teletraballo en diferentes departamentos por medio dun correo ou incluso de palabra. Pode facerse ás bravas? A resposta é NON. 

O teletraballo establécese como unha modalidade laboral suxeita á súa propia normativa na que se regulan as condicións da autorización, como poden ser as xornadas ou as tarefas. Calquera cambio ten que ser motivado e seguir o  procedemento. Se ben hai que lembrar que o teletraballo non é un dereito por si mesmo, é unha modalidade laboral máis que non mingua os dereitos que temos os traballadores e traballadoras. Por tanto, non poden mudar as condicións da túa autorización sen motivación ou por capricho.

E insistimos en que se as necesidades do servizo xustifican, por exemplo, unha suspensión temporal, teñen que seguir o procedemento sinalado no Artigo 10. E só o poderán facer secretarías xerais, secretarías xerais técnicas ou direccións xerais, e nas entidades instrumentais serán os equivalentes. A causa ten que ser xustificada,  cuns prazos pautados, e unha vez que desapareza a causa reiniciarase a prestación da modalidade de teletraballo. 

Aínda que está regulado, nestes últimos días recibimos denuncias de compañeiros e compañeiras que falan de limitacións e tamén de que se están a producir debates e ruxe-ruxe de denostación ou anti-teletraballo por parte das xefaturas. Isto non se pode permitir, temos un Acordo de teletraballo cunha regulación equilibrada na que se garante a prestación do servizo público, e NON podemos dar nin un paso atrás. 

NON se pode penalizar a todo o persoal da Administración da Xunta por un problema puntual ou por que se lle pase pola cabeza a unha xefatura porque necesita máis séquito para o seu “ordeno e mando”. 

Por todo isto a CIG vén de solicitar a convocatoria da Comisión de seguimento do Acordo de Teletraballo. Se tes problemas no teu departamento, limitáronche, suspendéronche ou incluso revocáronche o teletraballo por causas alleas, ponte en contacto coa CIG e defende os teus dereitos.