A Xunta vai licitar a xestión privada da residencia da Coruña (Eirís) da Fundación Amancio Ortega

A CIG esixe a xestión pública directa das residencias de maiores!

A Xunta volve sacar a concurso para as empresas privadas a xestión dos servizos públicos e licita os servizos de atención de outra máis das residencias de maiores das sete doadas pola Fundación Amancio Ortega. A licitación para a residencia de maiores da Coruña, de 150 prazas, ten unha duración inicial do contrato de dous anos e é prorrogable até cinco. O orzamento é de 7,9 millóns de euros e o valor total do contrato, coas posibles (probables) prórrogas, é de 23 millóns de euros.

A rede pública, de xestión tamén pública, é a única que garante un servizo de calidade e protexe ás persoas usuarias fronte aos abusos das empresas que prestan estes servizos, como xa se víu na pandemia. En estudos realizados tras a COVID19 en persoas maiores en residencias, para avaliar a relación entre o número de falecidos na pandemia posto en relación co tamaño das residencias e a súa xestión (pública ou privada), constatouse que a porcentaxe foi moito maior nas residencias privadas que nas públicas. Elementos como o gasto público, cociente de cobertura, titularidade e tamaño tiveron unha relación directa cos falecementos nos centros residenciais. Na pandemia, o 94,3% das mortes nas residencias galegas nos primeiros 9 meses foi en centros de xestión privada (datos obtidos dunha sentenza do TSXG do 23 de maio de 2022)

Por outro lado, facendo só unha lectura económica, de todas/os é sabido que sobre o que custa prestar un servizo con centros e persoal público, hai que engadir, nos casos de xestión privada, o beneficio empresarial. Comezaron as privatizacións desta residencia da FAO dicindo que ían ir para empresas “sen ánimo de lucro”, pero as grandes empresas queren trincar ben neste suculento bocado que é o sector da atención á dependencia e xa non disimulan co “ánimo de lucro”. E para iso teñen gobernando ao PP, que leva esa máxima como selo de identidade.

Dende a CIG reclamamos que a xestión das residencias sexa pública, con persoal público e a universalidade do servizo de atención á dependencia. As razóns están ben claras!