Estimase a demanda interposta ante a Tesoureiría da Seguridade Social e a Xunta de Galiza condenando a certificar as bonificacións que correspondan na aplicación dos coeficientes redutores de xubilación previstos no Real Decreto 383/2008 do 14 de marzo que establece os coeficientes redutores da idade de xubilación dos/as bombeiros/as ao servizo da administración e organismos  públicos 

Xa dende fai anos a loita da CIG en prol de acadar a categoría bombeiro forestal, foi un claro obxectivo, non so pola profesionalización das/dos traballadoras/es, inadecuadamente encadrados na Seguridade Social, e todas as implicacións negativas que tiña para o colectivo. Loxicamente acadar a categoría tamén traía consigo recoñecementos clave, como un plan formativo especifico, polo que claramente loitamos con diferentes PNL, e a protección da saúde do persoal do SPIF, baseada nun desenrolo da aplicación das enfermidades profesionais, así como a redución da idade de xubilación en base a aplicación específica do RD 383 de 2008 de 14 de Marzo.

Dende a CIG, loitamos tanto no Parlamento Europeo, como no Parlamento do Estado, para conquerir unha lei marco de recoñecemento da profesión de bombeiro/a forestal e as regulacións que acompañan esta profesión. Ao final acadouse un marco legal, que por suposto non era o ideal, pero que entendiamos que podería reforzar a curto prazo os dereitos recoñecidos especificamente nesta lei clave (Lei 5/2024 do 8 de Novembro onde se expresa na súa disposición adicional 4ª, de forma precisa e moi clara cal é o réxime de xubilación do persoal obxecto da mesma)

Pois ben, accións torticeiras por parte dos lexisladores, e "compañeiros/as de barco", intentaron limitar ese dereito, modificando, ou mellor dito intentando modificar, o decreto clave da idade de xubilación, por un decreto modificado innecesariamente, e encima reducindo os dereitos inherentes xerados polo decreto vixente, fronte ao que, por suposto, interpuxemos unhas alegacións especialmente contundentes a ese feito. Máis xa tiñamos iniciado o proceso xudicial para aplicación dende o principio da actividade do dereito da aplicación dos coeficientes redutores aos compañeiros/as do SPIF.

No histórico día 17 de xuño de 2025, nos xulgados de Lugo, cun traballo impecable tanto de planificación dos tempos como das accións precisas dos nosos servizos xurídicos, conseguimos acadar a primeira sentenza do Estado onde se recoñece a aplicación dos coeficientes redutores a un compañeiro bombeiro forestal, con carácter retroactivo dende o principio da actividade. Dende a CIG consideramos esta unha data absolutamente histórica para as/os bombeiros/as forestais tanto galegos como para todos/as os/as bombeiros/as forestais do Estado.

Lembramos que tamén fomos os primeiros en conseguir a categoría bombeiro/a forestal por sentenza a un compañeiro en xuño de 2015, que supuxo o inicio dun proceso que trouxo consigo a profesionalización e o encadre deste importante colectivo.

Grazas á vontade dos/das afiliados/as que seguen crendo no traballo da CIG.