A CIG-Autonómica desenvolveu o luns 30 de xuño unha manifestación en Santiago na que participaron unhas 300 persoas traballadoras dos centros de ensino da Xunta para reclamar a profesionalización do sector e na defensa dos dereitos do persoal non docente dos centros de ensino públicos.

Ao remate da marcha, que arrincou dende as instalacións da Consellaría de Educación en San Caetano ás 11:30 horas, deuse lectura a un manifesto no que se recollían as principais demandas do sector, que pasan pola negociación dun acordo de condicións de traballo que recupere e mellore os dereitos do V Convenio para todo o persoal non docente, da administración e de servizos dos centros de ensino (PAS).

Tamén polo encadre das escalas segundo a titulación requirida para o acceso como laborais de acordo coa Lei do emprego público de Galiza e do Estatuto básico do empregado/as público/a, e pola eliminación da Agrupación Profesional e a promoción ao C2. E pola separación das escalas de axudante de cociña e camareira-limpadora, e unha estrutura profesional nas cociñas, oficiais de 1º (xefes/as cociña-B), oficiais de 2º (C1) e axudantes (C2).

Así mesmo, exíxese a negociación de "ratios" para o persoal non docente, subalterno e limpador, xa que hoxe na pública xa superan aos da privada, así como a negociación das funcións de todo o persoal non docente dos centros de ensino públicos e parar así os abusos que sofren. E a recuperación salarial, rebaixada tras a funcionarización.

Estamos fartos e fartas dos abusos desta Administración, que leva anos desprezando e vulnerando os dereitos do Persoal da Administración e Servizos dos centros de ensino, e mirando cara a outro lado á hora de dar respostas a moitos dos problemas que padece.

Neste senso, o persoal denuncia que agora veñen de darlle unha nova estocada ao colectivo dos non docentes, e en concreto aos profesionais de cociña, que son funcionarizados á forza ou mediante chantaxe ao subgrupo C2, escala Auxiliar de Cociña, o que se traduce en rebaixalos profesionalmente, e convertelos en axudantes de cociña, mais coa abriga de desempeñar funcións de Xefatura de Cociña.

Persoal en fraude de lei

Este novo ataque deixa as persoas responsábeis das cociñas e dos comedores escolares dependentes da Consellería de Educación sen a obriga de ter que posuír a titulación Técnica en Cociña (Ciclo Medio de Cociña), que até a funcionarización era imprescindíbel para o acceso, co resultado de que o único requisito sería o graduado en ESO ou EXB.

Lembran que as persoas profesionais de cociña xa viñan arrastrando o problema de que dende hai moitos anos tiñan que acudir reiteradamente aos xulgados para compensar uns abusos laborais que eran máis que manifestos e xa asumidos de facto pola propia Administración.

Estas sentenzas só facían remendar un problema estrutural e “calmaban” a un persoal en fraude de lei. Como se pode explicar que durante máis de 15 anos os cociñeiros e cociñeiras de Educación gañasen todas as sentenzas por reclamar unha responsabilidade acorde ás funcións que desenvolven nos seus postos de traballo e a Administración non fixera nada por solucionalo, e así evitar este enredo e gasto innecesario?

Agora coa funcionarización non só non se valoran esas sentenzas xudiciais que abalan o seu labor durante anos, senón que nos rebaixan profesionalmente, até o punto de non ser necesaria unha titulación especifica para o acceso, ao encadrarnos no C2 auxiliares de cociña.

Neste senso, CIG aposta por unha Administración pública profesionalizada e cualificada, na que non só o persoal profesional siga encadrado na escala Técnica que lle corresponda, senón que as persoas ás que a día de hoxe non se lle esixe titulación especifica se encamiñen cara a súa profesionalización, como é o caso do Persoal Coidador; para o que reclamamos a desaparición da Agrupación Profesional que dá lugar á segregación das escalas en diferentes especialidades, porque non é o mesmo ser Peón de Xardinería que Axudante de Cociña ou Persoal de Limpeza.

Principais demandas do persoal de cociñas da Xunta

  • A negociación dun Acordo de condicións de traballo que recupere e mellore os dereitos do V Convenio, para todo o persoal non docente, da administración e servizos dos centros de ensino (PAS).

  • O encadre das escalas segundo a titulación requirida para o acceso, de acordo coa LEPG e o EBEP.

  • A eliminación da Agrupación Profesional e a promoción ao subgrupo C2.

  • A separación das escalas de Axudante de Cociña e Camareira-Limpadora.

  • A estruturación profesional nas cociñas, (Xefes/as Cociña-Responsábeis de Cociña (B), Cociñeiros/as (C1) e Axudantes de Cociña (C2).

  • A renegociación de ratios para o persoal non docente, subalterno e limpador que hoxe na pública xa son peor que na privada.

  • A negociación das funcións e condicións de traballo do persoal coidador, administrativo, subalterno e resto de escalas que prestan servizo nos centros de ensino.

  • Unha mellora salarial.