A Xunta está obrigada a entregar á CIG no prazo de dous meses a documentación das comisións de servizo prorrogadas máis aló de dous anos, por unha sentenza firme do Tribunal Supremo que dá a razón ao contencioso presentado pola CIG, e que crea xurisprudencia para todas as administracións de calquera ámbito do estado español

No ano 2019, solicitamos á Xunta que nos facilitase a información sobre as 347 comisións de servizo que daquelas tiñamos detectadas que estaban prorrogadas superando o límite temporal xeral de dous anos (mesmo algunhas que superaban os 11 anos). A nosa finalidade principal era forzar cara a transparencia na xestión de persoal, a frear a utilización da chantaxe ao persoal coma consecuencia da implantación das comisións de servizo como forma habitual de provisión de postos e instar os concursos de traslados periódicos.

Ante a negativa da Xunta a facilitarnos a información no ano 2021 presentamos un recurso contencioso administrativo, entendendo que como representantes dos traballadores e traballadoras tiñamos dereito a ter información ao abeiro do artigo 10.3 de la Lei Orgánica 11/1985, de 2 de agosto, de Liberdade Sindical e do 40.1 do texto refundido da Lei do Estatuto Básico do Empregado Público, aprobado polo Real Decreto lexislativo 5/2015, de 30 de outubro. O fallo do xulgado do contencioso-administrativo número 2 de Compostela deunos a razón no ano 2022.

Pois ben, despois de varios anos de percorrido xudicial, finalmente o Tribunal Supremo veu a darnos a razón e agora a Xunta ten un prazo de dous meses para entregarnos unha copia das resolucións polas que se concederon as diversas prórrogas de cada unha das comisións de servizo dunha duración superior a dous anos, xunto cos informes dos centros directivos competentes por medio dos que se xustificou ou motivou a necesidade e urxencia das prórrogas acordadas de cada unha das 347 comisións que figuraban na demanda.

Este non foi un camiño sinxelo. A Xunta tentou argumentar que pola protección de datos persoais das persoas traballadoras non nos tiña que facilitar a información que solicitabamos. Pero o Tribunal Supremo sentenciou que si debe facilitarnos eses datos pseudoanonimizados. Con este proceder se respectaría o dereito á protección de datos das persoas traballadoras e o dereito da CIG á vixilancia sindical das cuestións laborais que o requiran.

Para nós este é un paso máis na defensa do que debe ser a transparencia na xestión de persoal. Levamos tempo advertindo de que a Xunta de Galiza abusa da cobertura de prazas mediante a figura da comisión de servizos na vez de convocar os concursos de traslados cunha periodicidade axeitada. Isto non é unha casualidade: na propia sentenza recoñece o tribunal que a prórroga das comisións de servizo mais aló dos dous anos escapa ao principio xeral de provisión de postos mediante convocatoria pública e concurso (artigos 78.1 e 79.1 do EBEP) e xustifica o dereito á vixilancia sindical.

Salienta ademais, que non debe esquecerse que as comisións de servizo escapan ao criterio xurídico xeral que consiste en que as Administracións Públicas provexan os postos de traballo mediante procedementos baseados nos principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade (artigo 78.1 EBEP), así como que o concurso debe ser o procedemento normal de provisión de postos de traballo (artigo 79.1 EBEP). Por iso conclúe o tribunal que a petición da CIG resulta razoable e os delegados e delegadas sindicais poden solicitar información e vixiar a política de persoal nesta materia.

MÁIS CONTROL E PRESIÓN SOBRE O PERSOAL FUNCIONARIO

Temos que denunciar que a practica de gardar postos para “comisionar” é algo habitual nesta Administración: agochan prazas vacantes que non saen nos concursos de traslados, o que prexudica a mobilidade do persoal que ten que acudir a solicitar comisións de servizo para poder achegarse a casa ou promocionar. Temos así unha bolsa de postos para comisións. E compre engadir que na Administración autonómica galega a provisións de postos por comisión de servizos é totalmente subxectiva, sen criterios públicos e medibles, e a Xunta négase a negociar un baremo para que non sexa unha cobertura “a dedo”.

Por outra parte o emprego das comisións de servizo so é un chanzo máis no control do persoal funcionario ao que buscan cominar con todas as fórmulas posibles para que cumpran os obxectivos da Xunta do PP, moitas veces con intención partidista. E como exemplo temos que nestes días están a intentar aprobar por decreto a avaliación do desempeño, en pleno verán e apenas sen tempo para coñecer a proposta e moito menos poder negociala, unha avaliación na que as xefaturas, de forma subxectiva van poder remover do posto ao funcionario/a, retirar o cobro do complemento salarial de carreira ou incluso condicionar vindeiras comisións de servizo. Estamos, xa que logo, ante un importante risco de perda da independencia e de servizo ao interese xeral do funcionariado, que pode estar condicionado.

A CIG ESTARÁ VIXIANTE

Dende a CIG imos seguir vixiantes e insistindo en que as persoas traballadoras da Xunta teñen dereito ao acceso a un sistema de provisión de postos con carácter definitivo que garanta a transparencia, a igualdade e a obxectividade, e que non teña ao persoal coa daga enriba da súa cabeza co fin de que os funcionarios e funcionarias públicas sexamos máis servís.

DATOS DO EXCESO DE COMISIÓNS DE SERVIZO EN SITUACIÓN IRREGULAR

Dende o 1 de xaneiro de 2021 adxudicáronse 4.714 comisións de servizo, das que 2.472 foron na provincia da Coruña (onde están os servizos centrais da administración galega), 939 en Pontevedra, 591 na provincia de Lugo e 585 en Ourense.

Neste mesmo período renováronse 7.099 comisións, a maioría en situación irregular por superar os dous anos de antigüidade. A media de comisións de servizo que se adxudica por día é de 5 e a media das renovacións acada as 9. É dicir, estamos falando dunha media de novas adxudicacións e renovacións de 14-15 comisións diarias.

Para dimensionar o abuso desta fórmula de provisión, podemos ver que dende xaneiro de 2021 producíronse máis 10.000 actos administrativos polos que se deron comisións de servizos (novas+renovacións). A día de hoxe podemos dicir hai un abuso das comisións de servizo en situación irregular porque son prórrogas que non tiñan que terse concedido.

Esta anomalía prodúcese porque a Administración non convoca os concursos de traslados coa periodicidade necesaria para que realmente sexa a forma de provisión ordinaria.