A Consellería de educación escúsase nos procesos selectivos en marcha e no persoal docente para non negociar un Acordo para o Persoal de Administración e Servizos dos centros de ensino, nin a crear unha estrutura profesional nas cociñas.

Na Comisión de Persoal do xoves 17 de xullo de 2025, a CIG volveu a insistir na necesidade de negociar un Acordo de condicións de traballo para todo o persoal non docente dos centros de ensino e dunha estrutura nas súas cociñas co encadramento das escalas na lei no grupo ou subgrupo que lles corresponde, eliminando a rebaixa profesional. Esta vez si que estaba presente a Consellería de Educación neste órgano superior de negociación (casualidade, logo de denunciar que dende a pandemia non acudían a esta mesa, o que é obrigado para todas as secretarias xerais das consellerías).

Sen Acordo que regule as condicións laborais do persoal non docente

A resposta da consellería foi que cando rematen os procesos de estabilización, funcionarización, e reaxuste da RPT, nese momento valorarían se é necesario ou non negociar un acordo. Vamos, que están a dar largas, non teñen intención algunha de sentarse a negociar. Lembramos o compromiso do anterior director xeral de Función Pública, quen deu a palabra en mesa de que despois dos acordos de Política Social e SPIF, o seguinte sería o de centros de ensino.

Que non querían negociar as condicións de traballo do seu persoal era evidente. Levamos anos insistindo na necesidade de resolver os conflitos habituais de condicións de traballo do persoal funcionario e laboral destes centros, que teñen unha prestación de servizos diferente á da maioría do persoal funcionario. E que o persoal debera ter dereito a coñecer as súas condicións laborais antes de se producira a funcionarización para poder elixir con garantías. A CIG ten presentado varios escritos pedindo o comezo das negociacións, sen que se dignaran a respostar, faltando o respecto aos compañeiros e compañeiras que traballan nos seus centros.

Para Educación as cociñas son responsabilidade do persoal docente encargado do comedor

A consellería afirmou que as cociñas de educación non son equiparables a doutras consellerías (como Política Social), e non necesitan estrutura profesional porque as persoas responsables de comedor xa fan as funcións que noutras consellerías faría o persoal oficial de 1ª. Tras a pregunta da CIG de se o persoal docente ten a preparación técnica adecuada para deseñar os menús e facer os pedidos, o control da cociña e das normativas de hixiene, etc, saíron con que “elaborar os menús era cousa do Consello Escolar e que o persoal docente encargado ten a función de mercar as materias primas para que o persoal de cociña os prepare”.

Sabemos que a dirección das cociñas, a elaboración dos pedidos, o control das medidas de seguridade e hixiene ..., na práctica as realizan o persoal de cociña e por iso, como persoal laboral, conseguían ou ben o recoñecemento xudicial de “superior categoría” ou ben na maioría dos casos as diferenzas salariais de oficial de primeira. Pero agora, coa funcionarización, isto rematou, e coas escalas rebaixadas non cobran por este traballo extra. E preguntámonos se debe hoxe unha auxiliar de cociña facer estas funcións, ou se pode facelas un docente encargado de comedor. A resposta é clara: NON e NON.

E por iso que o 30 de xuño manifestámonos coa CIG, 300 traballadoras e delegados da CIG diante do edificio da Xunta e da Consellería para pedir a negociación das condicións laborais do Persoal non docente e unha estrutura profesional nas cociñas, co encadre correcto na Lei de emprego das escalas segundo as funcións e a titulación requirida. Esta foi a primeira mobilización e, como a Consellería non atende, non imos parar a loitar na defensa dos dereitos laborais do persoal empregado público que traballa nos centros de educativos!