Pola xestión deficiente da Xerencia do CGSIB qe afecta a máis de 1700 traballadoras e traballadores

INCOMUNICACIÓN E DENEGACIÓN DE DEREITOS

  • Falta de comunicación ao persoal traballador, non obtendo resposta por teléfono nin correo electrónico ante cuestións vitais que afectan ao seu día a día laboral e persoal.
  • Permisos non xestionados: non contestan coas Resolucións pertinentes, en tempo e forma, aos permisos solicitados polo persoal.
  • Ameazas e coaccións: chámase por teléfono ás direccións dos centros con ameazas de expedientar ao persoal que exerza os seus dereitos (cando o sentido do silencio é positivo) e indicándolles que son as propias direccións que teñen que denegar e trasladar a ameaza ao persoal. Con frecuencia, non se emiten as resolucións que resolven as solicitudes e se lles dan instrucións, vía telefónica e con faltas de respecto, gritos e insultos ás direccións dos centros. Esta situación deriva nun clima laboral tenso e un risco para a saúde de todo o cadro de persoal, tanto ao que se lle indica que non pode exercer o seu dereito, o resto do persoal que ten que soportar a carga de traballo sen as coberturas precisas e as direccións, que teñen que denegar os permisos por indicación telefónica e baixo a ameaza de expedientar ao persoal que exerza o seu dereito.

DEFICIENCIAS NA XESTIÓN DO PERSOAL

  • Ausencias sen cobertura nas baixas por incapacidade temporal (IT), vacacións ou outros permisos coa celeridade necesaria, o que obriga a modificar horarios do persoal dispoñible de forma sistemática, alterando gravemente as condicións laborais.
  • Mala xestión de listas de substitución, continuando coa falta de transparencia e o incumprimento as súas propias normas internas.
  • Incumprimento da LPRL: non se atenden ás solicitudes de medidas para cumprir coa Lei de Prevención de Riscos Laborais (LPRL) en materia de calor extrema, afectando a traballadores e traballadoras e persoas usuarias vulnerables (nenos e maiores) en centros sen a climatización adecuada.
  • Falta de comunicación, non informando ás persoas representantes do persoal sobre cambios de quendas, modificacións horarias ou movementos de persoal, como é preceptivo.
  • Atrasos xeneralizados en todos os procedementos de xestión, como foi a elaboración da RPT, pendente desde 2007.
  • Caos documental coa falta de control e custodia da documentación, incluso a desaparición de expedientes do persoal.
  • Erros e demoras en trámites coa Seguridade Social, recorrentes nas altas e baixas da contratación do persoal, afectando a períodos de cotización e prestacións.

IMPACTO NA SAÚDE E CONDICIÓNS LABORAIS

  • Denúncianse situacións de Riscos psicosociais que afectan ao persoal por mor do trato ás persoas usuarias: calidade ínfima dos alimentos en comedores, racións limitadas...
  • A ineficacia na xestión de recursos humanos nos Servizos Centrais que levou ao colapso, ignorando advertencias de aumentar o cadro de persoal, que traballa baixo unha presión insoportable sen os recursos necesarios.

Ante esta situación, a CIG SOLICITOU O CESAMENTO do actual xerente do CGSIB.

Abonda xa de inútiles na xestión!! Marche por onde viu e deixe de maltratar ao persoal!!