Aínda non chegamos a segunda quincena de agosto e as previsións cúmprense antes de tempo. Estamos tendo unha campaña de verán de lumes durísima, altamente perigosa e con milleiros de hectáreas queimadas. Máis os expertos anuncian que o peor virá nas próximas xornadas con Grandes Incendios Forestais (GIF) e condicións de alto risco para a cidadanía e para as bombeiras e bombeiros, axentes forestais e o resto do persoal que traballa na primeira liña do lume. Nestes días xa estamos a sufrir atrapamentos e situacións críticas, accidentes e lesións graves, que co cansanzo acumulado e as condicións climáticas extremas previsiblemente van ir a máis.

As profesionais que traballamos nos incendios da Galiza estamos acostumadas a situacións de vaga de lume cíclicas, e facemos un grandísimo esforzo cun grande compromiso co medio natural galego e a poboación. Máis temos que destacar a perigosidade e o risco de GIF é cada vez maior pois o combustible aumenta como consecuencia dunha mala xestión forestal da Xunta que prima as especies pirofitas e altamente inflamables.

O goberno da Xunta de Galiza responsabiliza desta situación a 2 meses de seca e a vaga de calor provocadas pola cambio climático o que nos parece un exercicio de escapismo para eludir o seu papel na xestión do territorio. Na CIG temos claro que o que pon en risco ao noso país é o modelo forestal do PP baseado na eucaliptización e na venda do recursos naturais con ausencia total dun planeamento do territorio baseado na prevención de incendios forestais.

E, ante o feito obxectivo que se revelou xa nos lumes do 2006 e do 2017, de que o problema era a biomasa forestal e o tipo de vexetación que temos no monte, o que fixo a Xunta foi aumentar irresponsablemente o risco permitindo e fomentando a acumulación de biomasa pirofita.

Se houbera planeamento non se permitiría plantar un só eucalipto máis, se faría unha xestión das faixas de biomasa e se recuperaría a estrutura mosaico con alternancia de cultivos agrícolas e gandería, na vez dos monocultivos forestais de crecemento rápido.

 

A xestión do persoal do servizo de incendios segue a ser un desastre


A xestión irresponsable do operativo de loita contra incendios segue a ser improvisada e está moi atomizada. Así para o Servizo de Prevención de Incendios Forestais da Consellería de Medio Rural levamos xa 14 chamamentos de persoal, de máis 550 prazas, das que a maioría se contrataron no mes de xullo. E as probas físicas/visuais realizáronse dos días 21 ao 23 de xullo, o que significa que moitas persoas das que están hoxe a loitar contra o lume teñen apenas días de experiencia e como entraron en plena campaña non se lles puido formar adecuadamente.

Ademais a Xunta teima no modelo de contratación de brigadas municipais, como na que traballaban os 3 compañeiros feridos no día de onte en Oímbra, que son brigadas non profesionais das que a contratación e xestión depende dos concellos e que tamén comezaron a traballar hai unhas semanas.

 

Diferencias nos horarios e na xestión de persoal que teñen distintas condicións laborais


Continuamos con diferencias de trato entre o persoal, sobrecargando con ampliacións de xornada e horario (de 8 a 12 horas) día si e día tamén unicamente no personal fixo-descontinuo xa que no persoal funcionario esa situación esta máis regulada. E, e aínda que dados os lumes que estamos a viver poderían parecer xustificables, estamos a falar dunha carreira de fondo que de non ter descansos vai a aumentar exponencialmente o cansancio do personal e polo tanto o risco de accidente. E por suposto seguen se cubrirse as accións e moitas das baixas que se producen: unha brigada minguada é unha brigada desprotexida; non é o mesmo traballar 2 ou 3 persoas que 6 ou 7.

 

A falta de medios materiais e deficiencias no avituallamiento aumentan a situación de risco

 

O personal non esta a recibir avituallamento nin auga nos incendios forestais evidenciando o total descontrol na xestión no coidado do persoal que traballa nos lumes. 
Logo de varios dias seguidos de grandes incendios forestais, evidenciase o problema de falta de reposición de equipos de protección individual. E que levamos meses denunciando que a Administración non garante un estocaxe suficiente para repoñer por desgaste ou rotura ou simplemente para levar unha talla adecuada (fundamental para garantir a seguridade e non queimarse). 

Lamentamos os accidentes de compañeiros das brigadas estes dias, alguns deles gravísimos, e solidarizamonos coas suas familias e con todas as habitantes das zonas afectadas.

Na CIG avisamos que imos proceder a denunciar cada vez que se incumpla a seguridade do personal e pediremos a investigación de cada accidente laboral e por suposto ESIXIREMOS RESPONSABILIDADES.

E seguiremos a loitar por unha xestión de persoal onde non se abuse do persoal, na mellora dos medios de extinción, na prevención e ante todo por unha xestión forestal e do territorio que free a conversión da Galiza nun auténtico polvorín.