Desde o ano 2010 o persoal empregado público perdeu máis dun 20% de poder adquisitivo

CIG rexistrou esta mañá unha Proposición non de Lei para que o Parlamento de Galiza inste á Xunta a dirixirse ao Goberno do Estado para que presente de inmediato unha proposta lexislativa que estableza unha cláusula de garantía salarial para o persoal empregado público, de xeito que os seus salarios se actualicen automaticamente cada ano en función da suba do IPC real. Unha suba que debe ser independente e complementaria dos incrementos salariais que poidan acordarse no ámbito da negociación colectiva xeral.

Xustifícase esta demanda porque desde o ano 2010, o persoal empregado público está a sufrir unha perda continuada de poder adquisitivo que, supera xa o 20%. Unha situación da que responsabilizou ás políticas económicas impulsadas polos sucesivos gobernos do PP e do PSOE, xunto co impacto das crises económicas e a pandemia da COVID-19, que tiveron consecuencias moi negativas nas condicións salariais do persoal ao servizo das administracións públicas.   

Rebaixas salariais       

A rebaixa salarial do 5% decretada no ano 2010, as conxelacións salariais posteriores e os acordos de incrementos retributivos inferiores ao Índice de Prezos ao Consumo (IPC) contribuíron ao progresivo empobrecemento do persoal público. Esta situación provoca que, a día de hoxe, moitas persoas traballadoras da administración teñan serias dificultades para facer fronte aos gastos derivados da vivenda ou mesmo para cubrir necesidades básicas.

Consideramos ademais que a suba do Salario Mínimo Interprofesional (SMI), aínda que insuficiente, evidencia esta realidade cando os salarios dalgúns corpos e escalas básicas da administración vense igualados co SMI e soben coa suba deste, revelando así o nivel de deterioro retributivo do persoal público.

Por iso, dende a CIG reiteramos a defensa do establecemento dunha cláusula de garantía salarial, vinculada ao IPC real e blindada por lei, que permita garantir que os salarios do persoal empregado público se actualicen automaticamente en función do custo da vida. Consideramos que esta cláusula debe constituír a base sobre a que artellar os futuros acordos salariais anuais ou plurianuais, co obxectivo de recuperar progresivamente o poder adquisitivo perdido.