O obxectivo é a elaboración dunha alternativa que concrete os incumprimentos do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG), así como dos acordos nacionais e internacionais que amparan o galego, e propoña accións concretas que comprometan a colectivos sociais e institucións na súa execución, partindo dos acordos unánimes.
Coa finalidade de acadar avances na normalización da nosa lingua e garantir a súa presenza e oferta en todos os espazos e para todos os usos, acadáronse e ratificáronse acordos nacionais e internacionais, entre os que salientan a Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos (1996), a Carta Europea de Linguas Rexionais e Minorizadas (2001), o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG, 2004), o Protocolo de Donostia para a garantía de dereitos lingüísticos (2016) e a Lei Paz Andrade (2014)
Porén, estes acordos non se respectaron e as medidas que sinalaban non se aplican. Chegouse, incluso, a lexislar na súa contra, co resultado da aceleración da tendencia negativa no uso do galego e unha porcentaxe de incapacidade para falalo inédita até agora. Co obxectivo de mudar este rumbo do galego e parar a emerxencia lingüística, a CIG forma parte da plataforma Queremos Galego, e participa activamente no Proceso social de Lingua Vital.
O sábado 20 de setembro tivo lugar a primeira xuntanza dos grupos de traballo deste Proceso social de Lingua Vital, para elaborarmos unha alternativa que dea resposta ás necesidades lingüísticas actuais. Estes grupos abranguen os 7 sectores seguintes:
- dereitos lingüísticos
- onomástica, toponimia e corrección lingüística;
- servizos públicos (saúde, xustiza, administracións: local, autonómica e estatal)
- ensino e mocidade
- medios de comunicación e novas tecnoloxías
- ámbito socioeconómico
- lusofonía e proxección exterior
Un primeiro paso dos traballos é debater, decidir e poñer en común as propostas. No caso do PXNLG os nosos obxectivos son:
- Avaliar o cumprimento das medidas contempladas no PXNLG: cada sector e ámbito ten unha serie de medidas no PXNLG. Trátase de identificar o grao de cumprimento e efectividade de cada unha delas.
- Identificar os principais obstáculos para a efectivización das medidas incumpridas: coñecer o motivo polo que as diferentes accións propostas foron incumpridas e que cómpre remover, modificar ou aplicar para a súa execución.
O proceso continuará nos plenarios comarcais de Queremos Galego durante o mes de outubro, coa participación de asociacións e colectivos de ámbito local e persoas a título individual que realizarán achegas ao proceso.
Para o mes de novembro os grupos de traballo debaterán todas as propostas recollidas e acordaremos os resultados que serán plasmados no documento final, que recollerá as prioridade das accións e un calendario de execución.
Lingua Vital Xa!