Dende a CIG apoiamos a loita do Comité de Empresa de Política Social fronte á posición de desleixo e inacción da Cosellaría, incapaz de aportar solución algunha ante o maltrato e as agresións que están a sufrir o persoal das residencias e as usuarias e usuarios.
Dende o Comité de Empresa de Política Social de Pontevedra convocouse o pasado venres 3 de outubro unha concentración diante do edificio administrativo da Xunta en Vigo para dar conta da situación límite que vive o persoal (maioritariamente mulleres e de máis de 50 anos) das residencias de maiores da Xunta de Galiza; con especial énfase no CRAPD Vigo 1 a causa das continuas agresións físicas, psíquicas e verbais por parte de certos usuarios.
Dita situación é consecuencia da política levada a cabo pola Xunta e a Consellaría de Política Social cando permite, consente e avala que, nun espazo residencial de maiores, se atenda inadecuadamente a colectivos que presentan distintas problemáticas. Os centros residencias para persoas maiores, ademais de que non foron deseñados arquitectonicamente para atender a persoas con problemas psiquiátricos, de adiccións, etc... non contan con persoal formado nin con medios especializados para atender a estas patoloxías.
Diante desta situación e desta decisión política, prodúcense continuamente nos nosos centros situacións de: ameazas, insultos, agresións, menosprezos, estrés laboral... sobre o persoal dos centros. Estase a pór en risco a saúde das traballadoras/es, tanto física como mental. A emoción que resume esta situación é o medo.
Estamos diante dunha situación de maltrato institucional por parte da Xunta e da Consellaría de Política Social, tanto aos cadros de persoal como ás persoas usuarias. De persistir esta situación arriscámonos a padecer algunha situación extrema de violencia con consecuencias irreparables que todas/os lamentariamos.
Dende o Comité levan máís de 3 anos denunciando que, co ingreso neste tipo de centros de persoas con patoloxías psiquiátricas ou adicións, a convivencia é case imposible. Tanto as persoas maiores como o persoal sofre a diario agresións mentras que a Consellaría mira para outro lado. Mantiveron reunións por este tema coa Secretaría Xeral Técnica o 02/12/2021, 27/04/2022 e 26/07/2023. En setembro do 2023 unha compañeira foi vítima dunha agresión sexual que o Comité denunciou na fiscalía e que logo a propia vítima denunciou no xulgado a instancia da fiscalía. Xa nesta ocasión puxémonos en contacto coa Consellaría e denunciamos publicamente a situación, advertindo que a falta de persoal ameazaba a nosa integridade.
Logo destas reunións, propostas e denuncias no Departamento Territorial e Secretaría Xeral Técnica, nada se fixo. A Consellaría sempre responde que non se pode estigmatizar ás persoas usuarias cando o Comité só pretende unha atención axeitada tanto para as persoas con patoloxías psiquiátricas (non hai psiquiatras nos centros) como para o resto das persoas usuarias.
Tamén, en setembro 2023, cursouse escrito á Fiscalía instando a que se tomasen medidas e se achegasen solucións para a protección de usuarios/as e persoal.
En abril do 2025 fíxose unha mobilización conxunta dos 4 comités de empresa de Política Social e o Comité Intercentros para reclamarlle á Consellaría Solucións axeitadas.
En setembro do 2025 volveron a posicionarse en contra do ingreso deste tipo de usuarios nestes centros mentres compartan o mesmo espazo, mesmo persoal e mesmos tempos que as persoas maiores.
O anuncio na prensa de que, por decisión xudicial, persoas responsables de delitos tan graves como homicidio ou agresións sexuais podían ser derivadas a este tipo de centros, que non contan nin co espazo nin co persoal necesario e formado para poder atendelos en óptimas condicións, fixo que se mobilizaran de novo.
O Comité manifesta ter moi claro que tanto as persoas maiores como as persoas de emerxencia social merecen unha atención e un trato digno; pero son conscientes de que non se lle pode dar ese trato aos dous colectivos ao mesmo tempo, no mesmo espazo e co mesmo persoal. É inviábel.
Presentaron denuncia na Inspección de Traballo e ante a Valedora do Pobo pola falta de persoal sobre todo nas quendas de noite e por toda a situación que estaban vivindo, pero a Consellaría segue sen tomar medidas para protexer ao seu persoal mentres, de foto en foto e de inauguración en inauguración, se nos acusa de estigmatizar ás persoas usuarias. Unha magoa que a Consellaría de Política Social e Igualdade teña moito de Política, pouco de Social e nada de Igualdade.
Por iso e para cambiar esta situación, dende o Comité denuncian publicamente e berran:
Pola dignidade e o respecto nas residencias.
O persoal, protexido; os maiores respectados.
Violencia cero nas residencias.