Dende a CIG convocamos unha xornada de loita o 15 de outubro contra o xenocidio do pobo palestino. Chamamos a secundar os paros laborais de catro horas por quenda e a concentrarse nos centros de traballo, nas cidades e nas vilas do País.

Anunciamos publicamente a convocatoria dunha xornada de paro xeral en Galiza para o vindeiro 15 de outubro para reclamar a fin do xenocidio e da ocupación ilegal de Palestina, demandar o cese de toda relación diplomática, económica e militar co Estado sionista de Israel e defender o dereito de autodeterminación do pobo palestino "dende o río até o mar"

A CIG, como sindicato de clase que acredita na solidariedade internacionalista, e coa responsabilidade que conleva ser a primeira forza sindical en Galiza, lanza esta convocatoria baixo o lema “Tamén no traballo paremos o xenocidio”, co obxectivo de acadar nesta xornada de loita unha resposta social contundente, ao nivel que exixe a gravidade da masacre en Gaza e a destrución do pobo palestino.

A convocatoria da CIG abrangue a todo o persoal de todos os centros de traballo públicos e privados situados en Galiza e consiste nun paro de catro horas por quenda laboral, nas seguintes franxas horarias:

  • Das 22:00 horas do día 14 de outubro ás 02:00 horas do día 15, na quenda de noite.
  • Das 10:00 horas ás 14:00 horas, na quenda de mañá.
  • Das 18:00 horas ás 22:00 horas, na quenda de tarde.

Para visibilizar o rexeitamento da clase traballadora ao xenocidio, a CIG tamén chama a concentrarse ese mesmo día pola mañá diante dos centros de traballo e a mobilizarse nas vilas e cidades a partir as 19.30 horas.

Dous anos de mobilizacións sostidas e máis de mil cen concentracións

Dende que o Estado terrorista de Israel iniciou a súa incursión de morte e destrución total na Faixa de Gaza, a CIG é a organización sindical que máis ten contribuído e apoiado en Galiza unha acción permanente e continuada de solidariedade con Palestina, xa sexa como parte integrante da Coordinadora Galega, promovendo convocatorias e iniciativas propias, ou secundando a outros colectivos. Conseguindo así manter un calendario de mobilizacións sostidas no tempo tanto a nivel local como nacional.

Lamentamos que haxa organizacións sindicais que parezan acabar de coñecer a existencia do xenocidio de Palestina e promovan agora unha resposta que non garda coherencia no seu día a día co que ten a ver co traballo de apoio ao movemento de solidariedade con Palestina. Criticamos que se expoña de maneira unilateral a convocatoria dunha xornada de loita xeral por Palestina, cando hai diferentes entidades que levan traballando sen descanso nestes dous anos para denunciar a barbarie xenocida, e reclamar actuacións decididas das institucións para que se garantan os dereitos do pobo palestino e se remate coa impunidade e apoio internacional que lle permite ao Estado de Israel perpetrar unha política criminal de apartheid, ocupación e acoso sistemático contra a poboación palestina dende hai máis de 70 anos.  

Por iso, entre as reivindicacións máis urxentes que marcarán esta xornada de paros, e en sintonía coas reclamacións que nestes anos vimos realizando de acordo coa Coordinadora Galega de Solidariedade con Palestina, figuran:

  • A esixencia do cese ao fogo inmediato coa retirada de tropas israelís e a apertura de corredores humanitarios
  • Unha investigación exhaustiva do xenocidio e dos crimes contra a humanidade cometidos por Israel
  • A ruptura inmediata das relacións diplomáticas e das relacións comerciais preferentes con Israel por parte tanto da UE, como do Goberno español e da Xunta de Galiza
  • A aplicación efectiva do dereito internacional, nomeadamente o dereito de autodeterminación e o dereito de retorno.

Outras informacións relacionadas: