Dúas das normas máis relevantes para as persoas empregadas públicas como son a lei de orzamentos e a lei de acompañamento (lei de medidas fiscais e administrativas), o PP despachounas sen dar lugar sequera a unha negociación real. E para isto non nos enviou os textos das leis ata 20 horas antes da Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos, e para poñer máis obstáculos enviou nova documentación media hora antes. A iso se lle chama mala fe negocial.

Pero non por iso renunciamos a expoñer as nosas demandas:

  • Derrogación definitiva da lei de medidas temporais do 2012 e restauración dos dereitos recortados (9 días de asuntos propios, Fondo de Acción Social completo, dereitos do V Convenio, etc).

  • Xornada de 35 horas semanais aplicando xa o que existe noutras administracións e compensación da redución a aqueles sectores que teñen outra xornada acordada.

  • Concurso de traslados permanente, cun prazo máximo de resolución de 6 meses.

  • Promocións internas mediante concurso de méritos sen límite de prazas.

  • Comisións de servizos de superior categoría para corpos e escalas de subgrupos superiores se non existe persoal do propio corpo ou escala para cubrilas, tal e como existen noutras administracións.

  • Complemento de antigüidade tendente a igualar os trienios.

  • Complemento transitorio para restaurar os importes dos soldos bases das pagas extras recortadas.

  • Consignar as cantidades necesarias para o cumprimento das sentenzas sobre a carreira profesional. Levantar o veto ao grao de carreira que perdeu o persoal interino e temporal no 2019 e reservar cantidades para aplicar o grao IV no 2026 como xa se aplica agora no SERGAS.

  • Suprimir a taxa de reposición de efectivos mentres unha norma de carácter básico non o impida, supresión que imos seguir defendendo na mesa das Administracións públicas en Madrid.

  • Cobertura de absolutamente todas as necesidades de substitucións de persoal e de prazas vacantes e subsidiariamente, negociación da inclusión de gardacostas, oficinas de emprego e outros colectivos e servizos no artigo 13 da lei de Orzamentos.

  • Recoñecer nos orzamentos as contías para as cotizacións sociais que permitan facer efectiva a aplicación dos coeficientes redutores para os colectivos que o teñan recoñecido e para os que poidan ter un próximo recoñecemento.

  • Encadramento de todas as escalas ás que se lles esixa o título de técnico superior no grupo B, tal e como establecen o EBEP e a LEPG, e que se faga efectivo a todos os efectos, administrativos e económicos. Eliminación de todas as disposicións da LEPG que o exclúen ou rebaixan. E encadramento das escalas ás que se lles esixa a titulación de técnico correspondente aos ciclos de grao medio no subgrupo C1, do mesmo xeito e cos mesmos efectos que os que subliñamos arriba.

  • Suprimir a reforma que permite a redución dos complementos específicos adicionais en casos de IT, vacacións, adaptacións de posto, segunda actividade, etc, introducida pola reforma da lei de medidas do 2023, e establecer garantías para o acceso aos postos de segunda actividade entre outros ao Servizo de Gardacostas.

  • Previsión orzamentaria para abordar unha racionalización dos niveis de todos os corpos e escalas.

  • Modificación permisos: adaptación ás novas realidades e garantir que sexan plenamente efectivos polo que o permiso parental para o coidado de fillo, filla ou menor acollido/a ten que ser retribuído, e o de nacemento para a nai biolóxica ten que incrementarse a 25 semanas, o permiso do proxenitor diferente da nai biolóxica no caso de familias monomarentais ou monoparentais sexa de 38 semanas correspondentes ás dezaseis semanas da nai biolóxica e dezanove semanas da outra persoa proxenitora, e o de adopción, garda con fins de adopción ou acollemento, de 25 semanas. 

A Xunta do Presidente Rueda pretende seguir cunha norma continuísta, sen abordar os problemas que existen na actualidade, agás nalgún caso, e obviar o debate de que cuns Orzamentos Xerais que van ter o teito de gasto máis alto da historia, non haxa posibilidade de introducir medidas que melloren as condicións laborais do seu persoal. Das novidades apenas destacar moi poucas cousas:

  • Modifican varios permisos para adaptalos ao EBEP, pero perden a posibilidade dunha mellora, tal e como lles plantexamos nas nosas alegacións.

  • Contemplan un miserable incremento retributivo do 0,5% froito dos acordiños sindicais de Madrid.

  • Confirman que se consignarán as contías necesarias para as cotizacións sociais que dean dereito a aplicación dos coeficientes redutores.

  • Como cuestión singular encadran as escalas de patrón e mecánico de Gardacostas no grupo B (parece que cumprir as leis e algo que lles teñamos que aplaudir) pero van seguir no C1 a efectos administrativos e económicos. Isto non é ningún avance. E sinxelamente un fraude. Ao igual que no resto das escalas (tanto as que esixindo un ciclo superior seguen no C1 como as xa encadradas no B) esiximos que a todos os efectos, administrativos e económicos sexan grupo B.

  • E o cuarto destacable é a modificación da Lei de emprego público para establecer o destino definitivo para o persoal de novo ingreso como única posibilidade, algo, que á luz dos problemas causados polos destinos provisionais, parece que xa chega tarde, aínda que consideramos que así ten que ser para o futuro. E xunto con isto, crean un réxime transitorio para tratar de remediar a situación creada actualmente con todo o persoal que está en destino provisional tendo concursos en marcha, e que introduce algún elemento que causa incerteza pero ao sernos entregado o texto  tan só media hora antes da Mesa Meral non puidemos valorar a conciencia na propia mesa.

O goberno do PP, que levará estes proxectos de lei ao Parlamento tratando de pasar por riba da representación do persoal, terá que dar contas no mesmo, pois dende a CIG trataremos que as nosa alegacións se presenten como emendas durante a tramitación parlamentar.