A CIG-Autonómica esiximos á Xunta de Galiza que aplique de oficio a sentenza do Tribunal Supremo nº 820/2025, do 25 de xuño, e que retribúa de forma completa e con carácter retroactivo os complementos salariais polas gardas, quendas, nocturnidade, domingos e festivos.

O Tribunal Supremo vén de establecer que cando as gardas, nocturnidade, domingos e festivos ou productividades por razón de servizo, cando se prestan dentro da xornada ordinaria, os complementos deben incluírse tamén nas pagas extraordinarias, vacacións, permisos retribuídos e situacións de incapacidade temporal, ao consideralas retribucións fixas e periódicas (aínda que varíe a súa cantidade).

A CIG-Autonómica esixe á Xunta que pague de oficio 

Esta sentenza marca un antes e un despois na política retributiva da Xunta, que ata o de agora só aboaba estes conceptos cando se traballaban de maneira efectiva. Non imos aceptar que o persoal teña que acudir individualmente aos tribunais para reclamar un dereito que xa foi recoñecido polo Supremo, aumentando os custos para as persoas traballadoras e para a propia Administración, e saturando os xulgados.

Por iso demandamos que a Xunta acate esta sentenza nas nóminas mensuais e nas pagas extraordinarias, incluíndo a parte proporcional destes complementos, e que faga de oficio o pagamento dos atrasos  a todos o persoal afectado.

Remate co descontrol das nóminas 

Esperemos que ao aplicar a sentenza e cobrar mes a mes os conceptos completos, remate  a desorde na percepción dos salarios. Moito persoal —como bombeiros e bombeiras forestais, axentes ambientais, entre outros colectivos que traballan as 24 horas e en quendas rotatorias— padece habitualmente atrasos e irregularidades no cobro destes complementos, que chegan a percibirse cada 3 meses ou mesmo unha vez ao ano. 

Inclusión do dereito na lei de orzamentos galega

A CIG-Autonómica está a trasladar á Xunta e aos grupos do Parlamento unha proposta para que esta medida se incorpore á nosa normativa coa Lei de Orzamentos de Galiza para 2026, de xeito que quede asentada na lexislación galega e se estenda tamén ao persoal laboral. 

Deste modo, todo o persoal funcionario, laboral e estatutario teremos dereito a percibir as retribucións por gardas, noites, domingos e festivos nas pagas extraordinarias, nas vacacións e nas baixas, tal e como recoñece a citada sentenza do Tribunal Supremo, que xa crea xurisprudencia.

É hora de por fin a esta situación e garantir o cobro regular e xusto do salario real de cada mes!