Na CIG consideramos unha promesa baleira o anuncio do Goberno de negociar un acordo salarial e chamamos á mobilización para acadar incrementos dignos que permitan reverter a perda de poder adquisitivo. Ademais, iniciamos unha campaña de recollida de sinaturas para avalar a PNL coa que demandamos unha cláusula de garantía salarial vinculada ao IPC para todo o persoal empregado público.
Na Área Pública da CIG (CIG-Administración, CIG-Saúde e CIG-Ensino) entendemos que non hai nada que celebrar na «intención» do Goberno español de sentar negociar un novo acordo retributivo para o persoal empregado público. Criticamos que as direccións de CCOO, UGT e CSIF se apresuren a vender como un éxito sindical este anuncio, cando se trata dunha promesa baleira, que pretende desactivar o crecente malestar do persoal e que, ademais, nin sequera se formula no ámbito da Mesa Xeral de Negociación.
Advertimos que, unha vez máis, se pretende negociar só cunha parte das organizacións sindicais con dereito a representación, fóra dos marcos institucionais que corresponden, e sacar un acordo pola porta de atrás que —moito nos tememos— seguirá afondando no deterioro salarial.
Neste contexto, na Área Pública da CIG avanzamos a convocatoria de mobilizacións para que tanto os orzamentos xerais do Estado como os orzamentos da Xunta de Galiza contemplen incrementos retributivos que revertan a continua perda de poder adquisitivo que ano tras ano sofre o persoal empregado público.
Anos de incumprimentos
Lembramos que o Goberno español leva anos incumprindo os compromisos asinados, mantendo conxelados os orzamentos, atrasando procesos selectivos e perpetuando a precariedade e a paralización nas administracións. Denunciamos que o chamado «diálogo social» se converteu nun teatro de xestos e titulares, nos que unhas persoas finxen negociar e outras fan de comparsa.
Dende a CIG levamos tempo advertindo da perda brutal de poder adquisitivo, iniciada co recorte directo do 5% das pagas extraordinarias —que nunca se recuperaron na súa totalidade— e agravada pola firma de acordos por debaixo do IPC e a renuncia dos grandes sindicatos estatais a defender en serio os intereses da clase traballadora.
Fronte ao conformismo e a submisión, na CIG apostamos pola mobilización constante, tanto nas rúas como nos centros de traballo, reclamando salarios dignos, estabilidade e respecto ao público.
Cláusula de garantía e incremento do 5%
Neste camiño, na Área Pública da CIG iniciamos unha campaña de recollida de sinaturas para avalar a proposición non de lei (PNL) rexistrada no Parlamento galego, coa que demandamos unha cláusula de garantía salarial vinculada ao IPC para todo o persoal empregado público. Manifestamos que non se trata de caridade nin de peticións «razoábeis», senón de xustiza social e de recuperación do que nos roubaron durante anos de recortes e inflación.
Ademais, dende a CIG reclamamos un incremento salarial do 5% para este ano no conxunto do sector público, como paso imprescindíbel para comezar a compensar as perdas acumuladas, que dende 2010 xa suman preto dun 20% da capacidade adquisitiva.
Así mesmo, insistimos na necesidade da mobilización e da presión social, porque entendemos que o futuro das condicións de traballo na Administración non se defende só nas mesas de Madrid, senón tamén nas rúas e na acción colectiva. O que nos xogamos non é unha porcentaxe de suba salarial, senón a dignidade de quen sostén día a día o servizo público e o dereito da cidadanía a unha Administración ao servizo do pobo.
Campaña de recollida de sinaturas
Poñemos á túa disposición os pregos de sinaturas en todos os locais da CIG. Tamén podes poñerte en contacto connosco e pasaremos polo teu centro de traballo.
Contamos contigo!
