CIG-Autonómica denuncia a fuxida de persoal do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) por culpa da xestión da Xunta. A política de persoal e a falta de negociación no AGACAL están a provocar a fuga do talento investigador e a perda de máis dun século de coñecemento agrario galego.

A CIG-Autonómica alerta do desmantelamento planificado que está a sufrir o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), dependente da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), como consecuencia directa da política de persoal e da nefasta xestión da Xunta de Galiza, que está a provocar a fuga de persoal investigador e técnico cualificado e a parálise da actividade científica no centro.

A fuga de persoal investigador polo desmantelamento do CIAM

Recentemente, seis investigadoras/os fixeron pública a súa decisión de marchar do CIAM, denunciando un desmantelamento planificado e unha situación laboral insostible que compromete o futuro da investigación agraria en Galiza. A súa marcha, cualificada como “voluntariamente forzosa”, é unha mostra máis da fuga de talento derivada do maltrato institucional ao que se está a someter ao persoal do centro.

O AGACAL foi creado en 2018 con persoal procedente da Xunta; no ano 2021 aprobouse unha Relación de Postos de Traballo (RPT) chapuceira, coa promesa de abrir unha negociación en profundidade para analizar as funcións e condicións laborais do persoal. Porén, a negociación ficou paralizada tras varios intentos polas pretensións ilegais da dirección, como a eliminación de complementos salariais recoñecidos por sentenzas xudiciais firmes.

Desde entón, a Xunta e a dirección do AGACAL están a amortizar prazas de campo e de investigación para crear postos de libre designación, reducindo orzamentos e debilitando as áreas científicas do CIAM. En concreto, retiráronse máis de 450.000 euros correspondentes a prazas de persoal investigador e de campo, adicando o seu orzamento para engordar a estrutura xerencial da axencia. Ademais, no período 2021-2024 deixáronse de executar mais de 10 millóns de euros que viñan para investimentos no CIAM.

Esta política de abandono, destrución e falta de transparencia está a impedir a renovación do cadro de persoal, deixando sen reposición os postos vacantes e dificultando a continuidade de proxectos de investigación de referencia en Galiza. O resultado é un deterioro grave do funcionamento do centro, onde o persoal debe atender o gando e o traballo nos laboratorios sen medios nin condicións dignas, e incluso tendo que o persoal investigador que facer as labores do persoal de campo e laboratorio para que as investigacións de anos non se perdan.

Accidentes por sobrecarga e malas condicións das instalacións e da maquinaria

A CIG-Autonómica leva tempo denunciando a situación do centro onde se multiplican os accidentes por sobrecarga e falta de persoal. Denunciouse tamén ante a Inspección de Traballo, onde presentamos dúas denuncias polo mal estado das instalacións e da maquinaria, despois de rexistrarse un accidente grave con material antigo e sen documentación técnica. Porén, a Xunta continúa sen cubrir as vacantes, nin adoptar medidas de mellora nin garantir a seguridade do persoal.

O CIAM está en risco e con el a investigación pública agrogandeira

Esta situación é insostíbel e profundamente irresponsábel, pois pon en risco máis de 100 anos de coñecemento, patrimonio xenético e investigación agrogandeira galega. A CIG esíxelle á Consellaría do Medio Rural e ao AGACAL que poñan fin á amortización de prazas e melloren as instalacións, recuperen o persoal investigador e técnico, convoquen mesas de negociación reais e transparentes e respecten os dereitos laborais e profesionais do cadro de persoal.

Debe apostarse pola investigación pública para garantir o servizo de calidade ao patrimonio e o futuro agrogandeiro galego!!